Tres «guerreiras» de Valga gañan a Odisea de Cultura Clásica

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

cedida

O vindiero mércores participarán na final estatal xunto con outros once equipos de toda España

15 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O equipo foi bautizado como «Stratiatai», unha palabra grega que significa «as guerreiras». Con esa verba por diante, estaba claro que Isabel Rita Catoira, Lucía Fariña e Carla Rodríguez, alumnas de Latín e Grego de primeiro de Bacharelato no IES de Valga, ían a por todas na Odisea de Cultura Clásica, unha competición na que os estudantes de todo o estado poden participar para demostrar os seus coñecementos sobre historia antiga. E elas ben que o fixeron. Veñen de proclamarse campeonas galegas no certame, e o vindeiro mércores van competir polo título estatal. Para elo, un xuíz nomeado pola Sociedade Española de Estudios Clásicos achegarase ata o instituto de Valga para comprobar que as rapazas non teñan axuda de ninguén á hora de desentrañar os misterios que se lle van plantexar.

Porque diso vai esta historia: de desentrañar misterios. As probas consisten en responder, nun tempo limitado, ás cuestións que se plantexan. Claro que as preguntas non son directas: son un fío do que hai que tirar, saltando de pista en pista, ata dar coa resolución final. «Non basta con ter coñecementos de cultura clásica, porque son cuestións moi específicas e complexas, desta volta sobre as Olimpíadas en Grecia e Roma», conta o profesor de Latín que as embarcou nesta historia, Raúl Gómez Pato. El mesmo, di, non podería contestar a moitas desas cuestións sen axuda de libros ou de Internet.

Porque esas son as ferramentas que os participantes na Odiesa poden empregar, e Isabel, Lucía e Carla teñen demostrado que saben utilizalas de marabilla. «Cando preparamos a proba, a estratexia que empregamos é precisamente a de saber buscar a información dunha forma áxil, desbotando a errónea ou a inútil para non perder tempo», explica Gómez Pato. O esforzo pagou a pena: as guerreiras de Valga foron as únicas capaces de desentrañar todos os misterios formulados na final galega, na que participaron estudantes de centros de Redolenda, Melide, Vila de Cruces e Oleiros.

Xa foron outros antes

Non é a primeira vez que o instituto de Valga participa neste certame, nin é a primeira vez que consigue gañar a final galega. No 2016 chegaron tamén á final estatal, acadando un meritorio posto. Todo isto non sería posible, di a directora do IES, Dolores Rego, «se non fose polo intenso traballo do alumnado participante e da magnífica labor do profesor Raúl Gómez Pato».