Valga constitúe a mesa local contra a violencia machista

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

O acto tivo lugar no Concello, e estivo presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella

13 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Valga constituíu este mércores pola mañá a Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero. O acto tivo lugar no Concello, e estivo presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. Ambos fixeron referencia ao inevitable: os dous terribles crimes por violencia machista que sacudiron a este pequeno municipio o pasado ano. «Foi tremendo e entre todos debemos aportar o máximo que poidamos para que algo así non volva a suceder, incidindo especialmente na sensibilización dos máis mozos, que son o futuro», dixo Bello Maneiro. López Abella tivo palabras de recordo, tamén, para as mulleres asasinadas en Lugo e A Pastoriza, e defendeu a utilidade de órganos como o que onte se constituíu en Valga .

A mesa créase como unha ferramenta na que están representados todos vos ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, nesta batalla. «Os obxectivos xerais son promover políticas e actuacións para erradicar a violencia de xénero, procurar unha maior eficiencia e coordinación á hora de dar resposta a posibles casos e contribuír a optimizar os recursos e servizos de atención ás mulleres afectadas por esta lacra social», explicaba onte o Concello.

Na sesión constitutiva estiveron presentes vinte e dúas persoas. Ademais de distintos cargos municipais, acudiron dous representantes da Subdelegación do Goberno, de Igualdade, do equipo municipal de Servizos Sociais e do CIM, dos centros educativos do municipio, tres efectivos da Garda Civil, a Policía Local; un representante do centro de saúde de Valga e outros axentes implicados na prevención da violencia machista. Faltaban, di o Concello, a Deputación de Pontevedra e o xulgado de Caldas, que escusou a súa ausencia.

Todos os integrantes deste órgano recibiron formación específica para «mellorar a detección precoz de casos de violencia de xénero, optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero, ofrecerlles unha atención e unha resposta áxil ás vítimas, mellorar a protección das vítimas consideradas de alto risco e informar e sensibilizar na materia tanto aos profesionais como á poboación en xeral». Son, todos eles, obxectivos cruciais para evitar que a violencia machista siga cobrándose vítimas inocentes.