Oito lacones para honrar á Candelaria en Valga

Bea Costa
Bea Costa VALGA

VALGA

Tras unha longa e concorrida procesión, procedeuse á poxa das ofrendas en Cordeiro. O lacón máis caro pagouse a 125 euros

02 feb 2020 . Actualizado ás 20:10 h.

En Cordeiro, Valga , cumpriron un ano máis a tradición. Contan que todo empezou hai dous séculos por culpa dunha peste que mataba os porcos. Os veciños encomendáronse aos santos para salvar aos seus animais e así foi como naceu a tradición do traslado de San Antonio e San Roque á capela de San Paio e a procesión e a poxa de lacones. Hoxe era domingo e saíu o sol. Todo xogou a favor para celebrar a festa ao grande.

Ás dez, en Vilar, comezaron os actos de Candelaria coa bendición das velas e despois arrincou a procesión, cos santos, os lacones en cestas sobre as cabezas das mulleres e a música de gaita amenizando un percorrido de varios quilómetros. Polo camiño, fixéronse paradas para visitar os altares que os veciños prepararon con mimosas e camelias e tamén para repor forzas cunhas galletas e un viño Sansón. Ao chegar á igrexa de Cordeiro deuse paso á poxa das ofrendas. Como é habitual, Francisco García, Mozo, foi o encargado de conducir a poxa, na que se recadaron máis de 500 euros. Vendéronse oito lacones, o máis barato a 60 euros e o máis caro, a 125.