Sandra Boquete, a exmuller do homicida de Valga , recibiu unha agresiva mensaxe en Facebook horas antes de ser asasinada

R. Estévez / S. González VALGA / LA VOZ

VALGA

Atlas

Un individuo acusou á muller de quererse apropiar da vivenda familiar, de manchar o seu nome e de «ir de vítima»

16 sep 2019 . Actualizado ás 21:55 h.

Unha das últimas publicacións que poden lerse no muro de Facebook de Sandra Boquete constitúe un sinistro presaxio sobre o que acontenería poucas horas máis tarde. As súas amizades difundiron un pantallazo que reflicte que, ás 22.45 horas de onte á noite, a muller compartira unha mensaxe: «Fállanche, dóeche e perdoas... Fállanche, dóeche e perdoas... Así ata que un día mandas todo á puta merda e entón es o malo». «Que razón», limitouse a comentar Sandra, que pouco despois recibía unha agresiva resposta. Aínda que o nome do seu interlocutor non coincide co do seu exmarido, o que o individuo expuxo parece responder, directamente, a unha ruptura e a unha historia de rancor acumulado. Estes son fragmentos textuais do escrito: «Pero que perdoas, que me meteches un crédito de moito carallo»; «a casa a nome dos teus pais e como me negué a que non o puxeran no catastro, vas e pidesme o divorcio e encima non me deixas ver os fillos»; «deixa de ir de víctima que xa cansades». Ás oito da mañá, Sandra era asasinada a tiros polo seu exmarido, José Luis Abet, quen a continuación acabou coa vida da súa exsuegra, Elena Jamardo, e da súa excuñada Alba.

Din os habitantes de Carracido, en Valga , o lugar no que o Abet e a súa segunda muller, Sandra, levantaron a súa vivenda, que o home posúe un carácter brusco e dominante, tendente a facer cumprir sempre a súa vontade. «Había que facer o que el quería», indica, gráficamente, un dos seus veciños.

As cousas coa súa primeira esposa xa habían ir moi mal e en xaneiro do ano pasado divorciouse por segunda vez. Desde entón estableceuse coa súa nai, en Ames, e rexentaba un pequeno negocio de revestimento de fachadas e construción de cubertas, domiciliado en Caldas de Rides. De cando en vez, no entanto, deixábase caer por Carracido, dando novas mostras do seu mal carácter. «Cremos que xa houbera de todo coa sua primeira muller», explica unha familiar das tres vítimas mortais.