O GES de Valga esixe ao alcalde o fin da súa precariedade laboral

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VALGA

Martina Miser

Os traballadores de urxencias denuncian, tamén no xulgado, discriminación salarial e de categoría, ademais da súa inestabilidade

31 may 2019 . Actualizado ás 14:02 h.

O groso do persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Valga protagonizou na mañá do xoves ante a casa consistorial a primeira dunha serie de mobilizacións coas que pretenden dous obxectivos. O primeiro, presionar ao alcalde de Valga , José María Bello , para que varíe unha postura inmovilista de catro anos. O outro, visibilizar ante os seus veciños a situación de precariedade laboral e material na que desempeñan o seu traballo, un servizo básico.

Secundados por varios compañeiros do GES de Padrón e do Servizo de Emerxencias de Vilagarcía, durante uns 25 minutos os traballadores valgueses fixéronse oír co ruído de petardos, bengalas e bucinas acompañando unha pancarta na que pedían: «Respecten os nosos dereitos. Condicións laborais dignas».

Adrián Ferro, membro do GES e delegado sindical no Concello de Valga , explicou os motivos da mobilización, rexistrados xudicialmente en diferentes demandas. As máis antigas, as que tres dos seus compañeiros teñen presentadas desde novembro do 2017 denunciando que o Concello lles obriga a facer horas de máis, cunha primeira sentenza, recorrida polo goberno local, a favor dos operarios, apunta Ferro.

Outros tres recorreron aos tribunais porque «nos nosos contratos figuramos como peóns forestais, cando tiñamos que ser oficiais. Temos un contrato por obra e servizos, e o resto da xente que traballa para o Concello con este contrato figura como oficial», sostén o delegado sindical.

A terceira fronte xudicial aberto busca acabar coa inestabilidade laboral dun colectivo que case na súa totalidade ocupa os seus postos no GES desde o 2014, renovados de ano en ano, polo que reclaman un contrato indefinido.

Adrián sinala ademais que «non cobramos ningún plus, por nocturnidade, perigosidade, toxicidade..», traballando desde mañá unha soa persoa na quenda de mañá -como no de noite desde fai tres meses- ao non cubrir o Concello as dúas baixas de medio ano de dous operarios.