Todo a punto para loitar contra Napoleón

La Voz

VALGA

MARTINA MISER

A recreación da Batalla de Casal do Eirigo arrincará o sábado, ás cinco da tarde

30 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

1 de xuño • A partir das 17 horas • Entorno da capela da Saúde • En Valga teñen todo preparado para recrear este sábado a batalla da Guerra da Independencia que se librou en Casal do Eirigo en 1809. A escenificación da contenda que enfrontou aos veciños da zona co exército de Napoleón reunirá nos arredores da capela da Saúde a uns douscentos figurantes. En Casal do Eirigo estarán tamén alarmas de Pontecaldelas e San Antoniño de Mos, arroupados por outros colectivos participantes como o grupo «Os da Troula», a asociación Casco Vello de Vigo ou a asociación Cabalar de Valga, baixo a organización do Concello e da asociación cultural Heroes de Casal do Eirigo.

As actividades darán comezo ás 17 horas co desfile para, a continuación, empezar a batalla. Logo chegarán os cantos de taberna e a posta en escena da obra «O que Napoleón non se levou», escrita por Marcela Rodríguez. Durante a tarde haberá degustación gratuíta de rosquillas e actividades para os máis cativos. Non faltará a animación e o espectáculo con Troula e a música correrá a cargo de Pelepau, grupo de percusión que mestura os sons populares de Galicia con outros ritmos traídos polas comunidades de emigrantes retornados. Ao anoitecer, un espectáculo pirotécnico iluminará a capela da Saúde. Pola noite terá lugar a cea campestre e o fin de festa poñerano Unión e Fuerza e o dúo Master.