O Vilalonga confirma a súa candidatura ao ascenso tras un terzo de Liga

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Martina Miser

16 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Todas, absolutamente todas as quinielas apuntaban o nome do Vilalonga entre os favoritos a pelexar polo ascenso á Terceira 2022/23. Consumido o primeiro terzo da primeira fase da presente edición da Liga de Preferente Galicia, os números non fixeron máis ca confirmar a impresión inicial. Co equipo que dirixe Ricardo Fernández liderando en solitario o Subgrupo 2A con 17 puntos, logo de gañar cinco dos seus sete partidos e empatar os dous restantes. Tan só un dos seus once rivais de saída, o Valladares, pode presumir tamén de manterse invicto a día de hoxe, só que logo de ter gañado catro encontros e repartido puntos nos tres restantes, incluído o que o mediu ao Vilalonga no campo do Novo San Pedro hai nove días (2-2).

O pasado domingo o Vilalonga deu un novo golpe de autoridade impoñéndose 0-1 a outro dos favoritos na pelexa polo ascenso, o Pontevedra B. Abal, no 32, asinou o único tanto do encontro.

No tocante aos outros catro equipos arousáns da categoría, medíronse entre si, con triunfos visitantes en ambos os dous casos. O Ribadumia, que gañaba 2-0 no minuto 74, sufriu unha hecatombe con hat-trick de Rial no 75 e dous tantos no engadido para o 2-3 final. O Umia venceu 1-2 o Céltiga nun partido cos tres goles concentrados entre os minutos 44 e 48.