Campos e Fontán preséntanse á reválida no Nacional de Inverno

RIBADUMIA

Cedida

Os canoístas do Breogán e do Muíño defenden en Sevilla os seus títulos no C-1 sénior e xuvenil. Carla Frieiro é baixa por lesión

16 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A canle de La Cartuja de Sevilla volve ser un ano máis o escenario de apertura da nova tempada nacional de piragüismo coa disputa do Campionato de España de Inverno. Unha cita coa participación de 42 padexeiros arousáns, dous deles en calidade de defensores dos títulos de cadanseu barco e categoría. O grovense do Breogán Tono Campos, no C-1 Sénior, e o canoísta do Náutico O Muíño de Ribadumia Manuel Fontán, no C-1 Xuvenil.

Tono Campos volverá contar entre os seus rivais cos dous compañeiros de club que o ano pasado o escoltaron no podio, o vilagarcián Diego Romero, subcampión, e o madrileño Noel Domínguez, bronce na edición do 2018.

Outras dúas padexeiras arousás gañaron tamén o ouro un ano atrás, pero sen opción a revalidar título desta volta. María Pérez Aragunde, do Náutico O Muíño, figura inscrita na proba de Sevilla, pero tras subirse ao máis alto do podio do C-1 Xuvenil Feminino a última tempada, agora tócalle pelexar o seu espazo na categoría sénior, coa madrileña María Corbera en calidade de vixente campioa de España. A catoirense das Torres-Romaría Vikinga Carla Frieiro, pola contra, non puido inscribirse finalmente no Campionato de España de Inverno a causa dunha lesión lumbar pendente de diagnóstico que lle impedirá tentar revalidar o ouro no K-1 Xuvenil Feminino. Raquel Dacosta, compañeira de club de Frieiro, e recente nova campioa galega do C-1 Sénior Muller, tampouco viaxou a Sevilla por problemas físicos.

Entre os 42 arousáns en lid nas categorías xuvenil, Sub-23 e sénior, Natalia García, pero sobre todo a súa compañeira no Breogán Tania Álvarez, son, no K-1 Sénior Feminino, as outras dúas máis firmes bazas nunha cita cunha clasificatoria sobre 2.000 metros, e finais con 5.000 metros de percorrido. As primeiras medallas en xogo, esta tarde no paracanoe, e na canoa júnior e na sénior feminina.