«Eu sufrín malos tratos, e agora quero axudar a quen pasa por iso a saír adiante»

Rosa Estévez
rosa estévez RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

Dúas mulleres que sufriron violencia machista están entre os voluntarios que apoian ás vítimas en Ribadumia

14 oct 2018 . Actualizado ás 21:51 h.

Pasaron quince anos desde que a muller que temos diante conseguiu reunir forzas para remontar os sete círculos do inferno, romper co seu maltratador e recuperar a súa vida. Aquela viaxe deixoulle pegada; hai cousas que nunca se esquecen. Como o non ter asistido ao enterro da súa nai. «Non me deixou ir; ameazábame con quitarme ao neno. Era a arma que usaba para terme amarrada a el», conta esta muller de ollos escuros. Non podo dicirlles o seu nome. «Teño unha filla pequena, non sabe nada de todo isto. Algún día terei que contarllo, pero quero facelo cando sexa o momento adecuado, explicándollo ben todo». Porque se hai algo que nosa protagonista aprendeu é que non hai nada que beneficie máis aos maltratadores que o silencio. O pesado silencio. Tamén sabe quen nos fala que para rompelo fai falta forza, e axuda. Por iso, cando o Concello de Ribadumia puxo en marcha o plan Conta Comigo para formar voluntarios que apoien ás vítimas de violencia machista, foi das primeiras en ir apuntarse.

«Levo moitos anos querendo facer algo, axudar dalgunha maneira a que a xente non pase polo que eu pasei». O seu pesadelo empezou como un bonito conto de mocidade e namoramento. Ata que o mozo ideal quixo controlar todos os seus movementos, invadir ata o último recuncho do seu espazo persoal. «Tiven que deixar un traballo porque me levaba ben cun compañeiro e el non o soportaba». E así, unha chea de renuncias que cada vez a illaban máis. Foi entón cando empezaron os golpes. «Un día saín dar un paseo co meniño. Cando volvín a casa el xa chegara. Empezou a pegarme diante do neno. Foi media hora de golpes». Foi, tamén, o momento clave no que esta muller decidiu deixar de ser vítima. Foise coa súa familia. «Ao principio, cando alguén me botaba o brazo polos ombros, ou me abrazaba, o meu fillo, que tiña dous aniños, choraba, porque pensaba que me ían pegar».

Esta historia foi unha das moitas que escoitaron, da voz dos seus protagonistas, os ribadumienses que se formaron para converterse nunha primeira liña de defensa social contra os malos tratos. Son un grupo heteroxéneo. «Eu contaba con que foramos todas mulleres, pero alegroume moito ver que tamén había tres homes apuntados», conta nosa protagonista. Ela compartiu a súa experiencia con todo o grupo. Unha segunda voluntaria, tamén vítima de malos tratos, fixo o mesmo. E outras mulleres que pasaran polas súas propios calvarios acudiron a relatar as súas historias. O exercicio, aseguran quen pasaron por ese transo, foi revelador, conmovedor. E duro.

O testemuño das vítimas é só una das partes da formación que este grupo recibiu. Agora, os seus integrantes son capaces de detectar eses sinais de alerta que ás veces se nos escapan. Están preparados para afrontar situacións difíciles e para acompañar ás vítimas cando o necesitan. Hai quen non ten a ninguén que lle sirva de apoio. Non foi o caso da nosa protagonista. «Eu tiña á miña familia, pero non sempre é a mellor solución. Eles estaban tan destrozados coma min, e cando tiñamos que ir ao xulgado ou a algún sitio así, en canto aparecía a miña exparella saltaban chispas e a presión era insoportable». Por iso, explica, parécelle tan importante o programa creado en Ribadumia. «Alivia moito a presión sobre as familias, e tamén sobre as vítimas. Oxalá eu tivera alguén así a quen acudir no seu momento. Non terían sufrido tanto os meus», conta.

Dous dos seus compañeiros no programa Conta Comigo danlle a razón. Despois de todo o que viron e oído son capaces de entender cousas, realidades, medos, dos que ata entón non eran conscientes. Puideron entender como unha muller non chegou a recoller ao seu fillo nunha visita concertada «porque antes de entrar viu o coche do seu maltratador aparcado na porta e entrou en pánico. Por iso a figura do acompañante é tan importante. Se alguén houbese ir con ela, as cousas terían sido diferentes», relata Andrés Rey , outro dos participantes no proxecto.

A formación recibida tamén lles permitiu converterse en radares capaces de detectar situacións problemáticas. Síntomas, xestos que delatan que unha relación está a entrar en zona de perigo. «Deses xa nos atopamos algúns casos. O que facemos é informar as persoas afectadas as opcións que teñen, dos servizos aos que pode recorrer... Porque hai moitos servizos dos que a xente non é consciente».

«Ese traballo de prevención, de evitar que as relacións problemáticas acaben derivando en malos tratos, é un dos obxectivos deste proxecto», explica o concelleiro Enrique Oubiña (Somos). Nestes momentos, Conta Comigo permitiu que dez detectores do machismo estean xa activados en varios puntos deste pequeno municipio do Salnés e que un bo puñado de locais sexan zona segura. E queren ir a máis, seguir crecendo, ata tejar unha malla que ille aos maltratadores, que protexa ás vítimas. Niso está Ribadumia. Sen demasiadas axudas institucionais, por certo.

«Educamos ás nosas fillas para que teñan coidado, pero non aos nosos fillos para que teñan respecto»

Na miña familia sempre me educaron para ser unha persoa libre, independente, coas miñas propias ideas», conta Irea Lareu. Co paso do tempo, esta moza foi interesándose, cada vez máis, pola loita polos dereitos das mulleres. Por iso, cando se decatou da existencia do programa Conta Comigo, non dubidou en dirixirse ao Concello para apuntarse. Non ía soa. Acompañábaa o seu pai José Manuel Lareu. Un home que levaba tempo preguntándose que granito de area podía achegar na loita contra a violencia machista. «Non sei se ela tirou de min ou eu tirei dela; creo que foi de común acordo», relata. E pode ser, porque este pai e a súa filla parecen entenderse só coa mirada.

Ambos aseguran que a experiencia foi moi enriquecedora. «Para nós, a nivel persoal, porque compartimos tempo e experiencia», di ela. Irea, que asinara o seu traballo de fin de carreira de xornalismo sobre a violencia machista, non se imaxinaba o moito que a ían impactar as sesións formativas. «Eu levaba unha base importante, pero non é o mesmo ler ou estudar datos, que escoitar ás vítimas falar do que elas pasaron», relata. O seu pai dálle a razón. El recoñece que algunhas das historias ás que tivo que facer fronte deixárono impactado. E que as leccións máis teóricas déronlle, tamén, moito que pensar. «Hai cousas que me decatei que eu facía e que son machistas, aínda que non me decatara. Por exemplo, dicirlle á miña muller iso de ‘deixa iso que o faga eu, que ti non sabes’». A súa filla tranquilízao. «É difícil non ter ningún comportamento machista, porque é algo que temos inculcado», reflexiona.

E iso só se cambia con educación, educación, educación. «Outra das cousas das que me decatei é de que educamos ás nosas fillas para que teñan coidado, para que se protexan. Pero non educamos aos nosos fillos para que teñan respecto. E iso é algo que temos que cambiar. Canto antes».