O Ribadumia xogará a seguinte rolda copeira co Coruxo tras tumbar o Céltiga

RIBADUMIA

Mónica Irago

Moito máis sólidos cós veciños, os de Luis Carro encarrilaron o pase á media hora

09 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Gañou o mellor. Porque sen dúbida ningunha a día de hoxe o Ribadumia resulta un proxecto moito máis sólido có que Manolo Núñez manexa no Céltiga. Cun plantel pechado practicamente desde o mesmo inicio da pretempada, e sustentado en boa medida na continuidade dun colectivo que xa demostrou notables cousas a pasada tempada, o conxunto que dirixe Luis Carro tumbou a un rival pendente inda dun 20 % dos seus efectivos, e co resto coñecéndose a marchas forzadas, máis cando os reforzos chegan pinga a pinga. Non resulta estraño pois o 3-1 final na noite de onte no partido de Copa RFEF disputado na Senra entre os dous futuros rivais na inminente nova edición da Liga de Terceira División. Un resultado que sitúa o Ribadumia na terceira rolda do torneo do k.o., xogando como local fronte ao Coruxo de Segunda División B, verdugo media hora antes do Arousa no estadio da Lomba.

No primeiro partido oficial da tempada para ambos equipos, e tras os frecuentes minutos iniciais de recoñecemento mutuo, o Ribadumia probouse moi superior ao Céltiga, solventando a eliminatoria nos primeiros 31 minutos de partido. O tempo que lles levou a Hugo Soto, Rubén Cerqueiras e Monchito perforar a portería de Marcos Bermúdez. Nos primeiros dous casos, explotando dous erros garrafais. O dianteiro centro vilaxoanés nunha perda de balón visitante en tres cuartos de campo propio, e no de Cerqueiras, nunha perda na saída do esférico illense que o deixou só ante o cancerbeiro rival. Cun fútbol veloz e fluído na circulación do coiro, o Ribadumia chegaba con relativa facilidade aos dominios de Marcos Bermúdez, que no minuto 31 tivo que volver recoller o balón do interior da súa portería tras unha acción con participación dos dous primeiros goleadores, con centro desde a banda dereita de Cerqueiras que Hugo Soto deixou pasar para o disparo desde fóra da área de Monchito.

Na segunda parte o derbi igualouse, en parte pola merma da identidade dun Ribadumia que pecou de vertical; pero sen profundidade no xogo dos de Manolo Núñez. Pablo Pillado marcou o tanto da honra do Céltiga no 79, roubándolle a carteira a un Ángel Expósito que se trabucou ao tentar xogar o balón cos pés.

 

FICHA:

RIBADUMIA (3): Ángel Expósito, Santi, Alberto Rey (Diego, min 64), Miguel Vázquez, Bugallo, Manu, Monchito (Óscar, min 59), Gabi, Rubén Cerqueiras, Fran Fandiño (Fran Matos, min 64) y Hugo Soto

CÉLTIGA (1): Marcos Bermúdez, Nico, Santi, Aram, Capi, Cantero (Álex, min 88), Juanín (Jónathan, min 78), Emilio, Orlando (Pablo, min 85), Pablo Pillado y Canhoto

Goles: 1-0, min 16: Hugo Soto. 2-0, min 20: Rubén Cerqueiras. 3-0, min 31: Monchito. 3-1, min 79: Pablo Pillado. 

Árbitro e tarxetas: Luis Lois Carro, auxiliado nas bandas por Ismael González e por Javier Pérez (Colexio de Pontevedra). Amonestou os xogadores locais Monchito e Bugallo, e os visitantes Orlando e Emilio.