Unha oportunidade para o saneamento de Meis, Catoira, A Illa e Pontecesures

Serxio González Souto
s. gonzález PONTECESURES / LA VOZ

PONTECESURES

Martina Miser

Poden concorrer a dúas liñas de Augas de Galicia por importe de cen mil euros

15 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O tratamento das augas residuais segue sendo unha materia pendente en moitos puntos da beira sur da ría de Arousa. Axudar aos municipios máis pequenos a pór en orde e facer efectivo a súa rede de sumidoiros, fundamental para manter unha relación saudable co medio ambiente e os recursos pesqueiros, marisqueiros e naturais, é o obxectivo de dúas liñas de axudas que o delegado da Xunta no norte da provincia, Luis López, anunciou onte a beiras do Ulla, en Pontecesures .

Augas de Galicia habilita unha partida de catro millóns de euros para este tipo de intervencións nos concellos cunha poboación inferior aos cinco mil habitantes. As obras que poden executarse ao seu cargo deben actuar sobre os sistemas de abastecemento de auga potable, buscando o seu funcionamento óptimo, ou sobre a modernización, e aumento de eficacia das instalacións de saneamento e depuración, mesmo na construción de novas infraestruturas. Os municipios que concorran a esta convocatoria poderán optar a un máximo de cincuenta mil euros en cada unha das dúas categorías. Meis, A Illa de Arousa, Catoira e Pontecesures son os candidatos no Salnés e o BaixoUlla .

Os parámetros que decidirán a concesión das axudas serán, ademais do rango de poboación, que primará aqueles concellos que conten con menos habitantes, a corresponsabilidade financeira, primando aos que realicen algunha achega económica ás actuacións subvencionables, e o estado da tramitación dos proxectos en cuestión. O prazo de entrega da correspondente xustificación concluirá o 30 de novembro. «Creo que se trata dunha gran oportunidade, xa que se subvencionarán cando menos oitenta actuacións de abastecemento e saneamento», sinalou López, acompañado polo alcalde de Cesures, Vidal Seage.