A venda de Nexia enfanga a reforma de rúas en Vilaxoán e Cesures

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTECESURES

MONICA IRAGO

Seage seguirá os pasos do alcalde de Vilagarcía e rescindirá o contrato á firma que humanizaba a zona portuaria

29 ene 2020 . Actualizado ás 17:10 h.

A empresa Nexia Infraestruturas cambiou de titulares. A firma foi vendida e, aínda que os seus novos responsables afirman que «a intención é seguir coa actividade e que as obras que se están realizando sigan o seu curso», o certo é que de momento se están centrando en «analizar a situación da empresa para poder fixar a estratexia» futura. E esas non son boas noticias para os municipios de Vilagarcía e Pontecesures. Os dous teñen tratos cunha firma que lles xerou considerables problemas.

En Vilagarcía, o rosario de despropósitos nos que acabaron envolvidas as obras de humanización da rúa Vázquez Leis, en Vilaxoán, levaron a que, no mes de decembro, Ravella tomase unha decisión rotunda: rescindir o contrato coa adxudicataria, que se comprometeu a ter a rúa lista o 21 de xuño. Seis meses despois de vencido o prazo, quedaba o 20 % do proxecto por executar. A intención de Ravella era que a empresa que quedara en segundo lugar no concurso de adxudicación rematase a actuación, pero Nexia presentou unha serie de alegacións contra a decisión do Concello de apartala. Agora, os servizos xurídicos están mirando o caso con detalle, para argumentar concienzudamente a súa resposta por se esta chegase aos tribunais. O asunto é que, entre unhas cousas e outras, a venda da empresa non vén máis que a complicar un pouco máis o panorama. E leste é, de seu, desesperanzador para os veciños de Vilaxoán, onde a primeira rúa que ía ser humanizada converteuse nunha vía perennemente en obras.

Á beira do río

En Pontecesures tamén arrastran problemas con Nexia Infraestruturas, a quen encomendaron no seu día a humanización da obra portuaria. Os traballos tamén sufriron numerosos atrasos, pero nalgúns ocasións debidos ao Concello. Así o recoñece o alcalde Juan Vidal Seage (PP): modificouse o proxecto para recolocar o monumento de Manolo Paz e para incluír unha obra para eliminar unha vertedura ao río procedente da praza de abastos. A todo iso hai que sumar os problemas propios da empresa, que hai un tempo parecían estar resoltos. «Pero hai uns días levaron a maquinaria toda e marcharon», sen dar máis explicacións. Despois diso, o Concello tivo noticia da venda da empresa construtora.

«Nestes momentos estamos buscando a forma de solucionar isto, os pasos que temos que dar», sinala Seage, que considera que o primeiro será rescindir o contrato coa firma. «Temos que ver se facemos como Vilagarcía, adxudicándoa á segunda empresa do concurso, ou se sacamos de novo a contratación a parte que queda por facer».

Seage lembra que os traballos deberían ter quedado listos a mediados do ano pasado. «Agora, moito me temo que non estean rematados nin para a Festa da Lamprea, o que nos vai condicionar moito», argumenta o rexedor do Baixo Ulla.

Cando as obras se demoran tanto que desesperan aos veciños

Hai rúas nas que as obras parecen ser interminables. Diso poderían falar por extenso os veciños da rúa Cervantes, en Carril, que levan case un ano coa vía levantada. A dureza da pedra coa que se atoparon os obreiros da empresa que está realizando os traballos provocou un atraso que levou ao Concello a conceder unha prórroga de dous meses que vence xa, en cuestión de días. Ravella confía en que os traballos estean listos para entón, segundo confirmaba onte o Concello de Vilagarcía.

Pero de vicisitudes e atrasos poden falar tamén os veciños da grovense Alexandre Bóveda. Alí os traballos comezaron a finais do mes de outubro, cando a empresa Marconsa púxose ao choio. Para sorpresa de moitos, o proxecto parece estar a estas alturas parado. E é que, en realidade, estao. Así o confirmou onte o alcalde, o socialista Jose Cacabelos, quen indicou que se modificou o proxecto inicial para proceder a unha maior ampliación de beirarrúas, unha medida para a que foi preciso chegar a acordos cos propietarios. «Temos que formalizar o acordo e seguimos coas obras», di o rexedor meco.

O atraso destes traballos non está a gustar demasiado a veciños, comerciantes e usuarios desa vía de comunicación, un feito que non pasou desapercibido aos grupos da oposición grovense. Esquerda Unida, que está a facer un minucioso seguimento a este proxecto, considera que as obras se realizaron sen unha mínima planificación, e que todas as modificacións que se han ir introducindo no proxecto acaban dilatando os prazos dunha forma exasperante para quen teñen que convivir cos traballos á porta da súa casa. Ademais, desde EU consideran que este proxecto adoece das mesmas carencias que outras actuacións desenvolvidas na localidade, sen estar integrado nun plan global de reordenación da vila que asegure a viabilidade dos cambios introducidos.