Portos subleva aos valeiros ao impedirlles que deixen os aparellos no pantalán cesurán

Rosa Estévez
rosa estévez PONTECESURES / LA VOZ

PONTECESURES

MARTINA MISER

Os mariñeiros afectados afirman que cada vez «se nos están a poñer máis obstáculos» para poder faenar no río

12 ene 2019 . Actualizado ás 13:56 h.

O incendio comezou en Carril e parece estar a se estender Ulla arriba. Os valeiros, que traballan con base no porto de Pontecesures, saíron á palestra para denunciar que Portos de Galicia lles está facendo a vida imposible cunha serie de ordes e requirimentos que «non teñen ningún sentido». Alegando incomodidades para os peregrinos, comunicóuselles que está terminantemente prohibido que deixen os seus aparellos no pantalán. Unha prohibición que se sustentaría, tamén, no feito de que esa almacenaxe dana as estruturas de madeira.

Onte, despois de largar as súas nasas á auga e regresar ao porto cesurán, os valeiros coidáronse moito de cumprir as ordes. «Baixo ameaza de sanción, calquera se atreve», comentaban no peirao. O de deixar o aparello no pantalán pode parecer unha cuestión nimia, pero non o é: durante a tempada da lamprea, de xaneiro a marzo, os profesionais necesitan ter redes de reposto e outros materiais a man. «Non hai sitio onde deixalos», laméntanse. Descartan usar a rampla para tales fins por varias razóns. A primeira, que non se poden ter eses espazos ocupados. A segunda, que «alí hai ratos que roen as redes, e simpáticos que poden tiralas ao río por facer unha graza». A terceira, que as ramplas do porto de Pontecesures están feitas un desastre: sobre elas crece a vexetación e unha capa de limo que as fai non só impracticables nalgúns dos seus tramos, senón realmente perigosas.

Para os valeiros, o lugar ideal para colocar os seus aparellos é o pantalán. Segundo indican, só ocupan o bordo do mesmo, polo que non entorpecen aos peregrinos. E é que o barco que sobe aos camiñantes río arriba comparte o pantalán dos mariñeiros, para quen foi construída orixinariamente a estrutura. «Nunca tivemos problemas de convivencia cos peregrinos. Ao contrario, moitos se achegan ata nos para vernos traballar», explican os valeiros.

Tampouco aceptan que Portos lles achaque o mal estado dos pantaláns. «O problema que ten esta estrutura non somos nós, é a falla de mantemento», explicaban onte, mostrando as táboas de madeira desgastadas. E volvendo indicar o mal estado das ramplas que utilizan a diario.

«É inexplicable que nos estean a poñer un obstáculo detrás doutro», explicaban onte os integrantes dun colectivo que aglutina a un total de 17 embarcacións, dez da confraría de Carril e sete máis da de Rianxo. Pediron xa a mediación do alcalde de Pontecesures, que de momento non parece ter tido demasiado éxito coas xestións realizadas. Así que os valeiros trasladaron tamén o seu malestar ao patrón maior de Carril, para pedirlle que desde ese depósito se tome algunha medida que permita recuperar a normalidade durante o que queda de campaña da lamprea. Esta, por certo, non marcha especialmente ben. O Ulla baixa case sen auga, e iso deixouse notar nas capturas. «Os primeiros días aínda se collía algo. Agora, como moito, unha lamprea ao día».