O Camiño de Santiago ponse en forma para o Xacobeo

Rosa Estévez
rosa estévez VALGA / LA VOZ

PONTECESURES

Martina Miser

As obras realizadas no tramo que discorre por Pontecesures e Valga eliminaron algúns dos puntos negros da vía

09 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que con moita menos intensidade que durante o verán, os peregrinos seguen percorrendo o Camiño Portugués a Santiago de Compostela. Ben tapados, co rostro arrebolado, algúns camiñan a bo ritmo para espantar o frío que, preto do mediodía, segue facendo en Valga . Outros van máis amodo, ben polo cansazo, ben porque a demora nos treitos de sol resulta pracenteira. «No verán esto estaba cheo de xente. Agora pasan moitos menos, pero aínda así pasan», conta José Manuel Otero, Caamaño, talvez a persoa que mellor coñece o camiño ao seu paso por Valga e Pontecesures. Ten razón. Nun percorrido pola ruta cruzámonos con media ducia de peregrinos. Non está mal para estar en pleno inverno.

Pero do que se trata hoxe non é de contar camiñantes, senón de revisar o estado dunha vía que se converteu nun motor turístico imparable. Tanto é así, que a Xunta quere que o percorrido presente a súa mellor cara de aquí ao ano Xacobeo, o 2021. A tal fin, a Administración autonómica destinou 532.199 euros a un «proxecto de construción de sinalización e mellora do Camiño Portugués» no tramo que discorre entre Caldas de Reis e Santiago. Trátase dunha actuación cofinanciada pola Unión Europea e que xa se deixa notar en varios puntos do percorrido.

E é que había algúns tramos que necesitaban, con certa urxencia, un bo arranxo. Valga é un territorio callado de regachos, no que a auga causa estragos en pistas e camiños. E o de Santiago, por moito que sexa ruta xacobea, non se libra dos danos que ocasionan as escorrentías. Pero tras o paso das brigadas que se están encargando de pór a punto o percorrido, a situación mellorou moito. A maior parte dos quilómetros que discorren por Valga e Pontecesures están en perfecto estado, cun chan de terra ben apisonado baixo o que asoman, dando forma ao camiño, un soporte de pedra. É o mesmo material que cada pouco cruza a vía, convertido en canalizacións que permiten ao auga atopar o seu lugar de paso sen causar desfeitas. Só queda, nese sentido, un punto negro: é o tramo situado xunto a Casal de Eirigo, onde o firme do camiño acusa os efectos das fortes choivas que caeron antes do cambio de ano.

Hai outros asuntos que tamén melloraron. O Camiño chega a Valga desde Caldas de Reis, obrigado aos peregrinos a cruzar a N-550. Os lugares de paso habituais de quen fan a ruta fixéronse visibles para os condutores grazas a carteis luminosos que alertan a quen viaxan en coche de que se achegan a un lugar frecuentado por peóns cargados con mochilas e cunchas de peregrinos. Tamén para estes mellorou a sinalización, con novas mouteiras.