Os flamencos collen o gusto para pasar o inverno no Grove

leticia castro O GROVE / LA VOZ

O GROVE

MARTINA MISER

Na enseada de Ou Bao víronse ata cinco exemplares

07 nov 2025 . Actualizado á 21:37 h.

Hai xa varias tempadas que algúns exemplares de flamencos, a ave acuática de pescozo longo e infinitas patas, migra para pasar o inverno no humidal Intermareal Umia-O Grove. Timidamente esta zancuda, que adoita habitar en zonas de Andalucía, na costa mediterránea ou en Castela-A Mancha, foise desprazando ás Rías Baixas para pasar un inverno tranquilo, e foi crecendo en cantidade.

Fai tres ou catro anos comezaron a verse na enseada de Ou Bao dúas ou tres aves, e este ano son xa cinco as que fan as delicias de quen pasa pola transitada estrada que dá acceso á península meca. «Non era unha especie que parase aquí», comenta Gustavo Ferreiro, desde o SEO BirdLife. «Non é continuo que apareza algún, pero nos últimos anos estase facendo regular», comenta o ornitólogo, que sinala que poden chegar desde moitos partes da xeografía española e incluso de Portugal, xa que hai unha colonia á altura de Lisboa, pero é difícil saber a súa procedencia dado que ningún deles está marcado.

O seu desprazamento podería dar pistas sobre un cambio nos patróns climáticos que é máis que evidente, xa que son animais que non frecuentan sitios nos que faga demasiado frío. No humidal arousán danse varias condicións que son claves para que se asenten durante o inverno —o máis seguro é que permanezan por estas lareiras uns tres ou catro meses—. Están nun humidal salino, teñen bo alimento para manterse, xa que co seu longo pico filtran todo o que atopan polo fondo, como algas, cangrexos ou invertebrados. E unha cuestión importante, aquí están a salvo de depredadores e de molestias humanas, porque tamén priman o descanso.

Os cinco exemplares que escolleron O Grove como destino invernal, que por idade non serían os mesmos que se deixaron ver por Vilaboa, levan xa un mes pola zona, o que indica que os factores son favorables para que decidisen repetir. Polo visto, este tipo de aves conviven ben co resto de especies e asócianse con outras zancudas do estilo. Recoméndase gozar delas desde a distancia, sen ruídos, nin cans.