Barbería da Praza, preto dun século de vida

Leticia Castro O GROVE / LA VOZ

O GROVE

Mónica Irago

O negocio, fundado no Grove no ano 1.931 e rexentado por Gonzalo Domínguez, pasou de man en man por catro xeracións da mesma familia. É ademais un punto de encontro cun vencello especial co Entroido Meco

18 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Barbería da Praza é un deses negocios que son no Grove coma unha institución. Non é de estrañar, pois o establecemento está a piques de cumprir un século de vida, pasando polas mans de catro xeracións da mesma familia ata chegar a Gonzalo Domínguez, o seu actual propietario, quen herdou o oficio de maneira natural.

O encargado de comezar esta historia foi o seu bisavó Cándido Costa, alá polo ano 1.931, na mesma localización onde se atopa hoxe, o número 17 da Rúa da Praza. Naquel tempo, e acabado de chegar de Cuba, Cándido decidiu gañarse a vida como barbeiro, nun pequeno local que se achaba no que entón era o centro neurálxico do municipio, a Praza de Arriba. Naqueles anos, O Grove carecía de lonxa, e era alí onde se vendía o peixe e a verdura, polo que había un continuo ir e vir de xente.

A praza viña de sufrir unha gran transformación coa instalación dunha gran fonte que presidiu a zona durante décadas, o que daba conta do seu florecemento. Era un bo sitio para gañar unhas pesetas. O negocio estivo sempre no mesmo punto, aínda que tal e como lembra Gonzalo, un par de anos antes a perruquería xa comezara a montarse a dez metros de onde logo quedaría de xeito definitivo.

Co transcorrer do tempo, incorporouse ao negocio o fillo de Cándido, Antonio Domínguez Garrido, avó de Gonzalo, para axudar na tarefa e facéndose cargo máis tarde do traballo. Sempre en mans dos Domínguez, chegaría logo Antonio o fillo —coñecido como Tonio o Barbeiro polas xeracións actuais— e de cando en vez botaría unha man o seu irmán Cándido, que estivo uns anos emigrado en Holanda.

Os tempos foron mudando e o negocio adaptándose á modernidade, pero a mesma filosofía dos inicios. No 1986, con 16 anos, comezaría a traballar Gonzalo man a man co seu pai seguindo unha tradición familiar, que neste caso non lle veu imposta. Gonzalo nunca quixo dedicarse a outra cousa, a súa ilusión era manter o negocio e poñelo ao seu xeito, mesturando a modernidade cos xeitos de facer de antes. A herdanza está presente nas butacas que tras un século seguen dando servizo, toda unha reliquia, tamén no escaparate, cunha mostra de ferramentas de traballo que dan fe desa historia: navallas que se usaron ao longo das décadas, cortadoras manuais —e as eléctricas que viñeron despois—, as brochas e os produtos de afeitado con selo de Jabones La Toja, e incluso os asentadores de coiro que servían para aliñar o fío das navallas.

A Barbería da Praza segue a funcionar coa política de sempre, sen coller cita e acudindo aos domicilios dos clientes que non poden achegarse ao local. Nunca houbo no local folla de leituga, lembra Gonzalo que seu pai era moi fino e sempre tiña o costume de dicirlles aos clientes «Deiche a volta?».

Centos de historias

Lonxe de ser só un lugar onde cortar o pelo, a barbería é un centro social, onde se teñen feito moitas cantareas con guitarras e bandurras. Porque Tonio Barbeiro era un histórico do Entroido Meco, e alí se teñen fraguado centos de historias, e incluso quedaban moitos venres para cantar polos furanchos de Cobas.

A Barbería da Praza segue e ser ese punto de reunión no que un descobre as novidades do pobo, e que ademais é parte da historia do Grove.