Cristian Toro e Antía Jácome lideran a armada galega no Europeo Absoluto de piragüismo esprint

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo REDACCIÓN / LA VOZ

O Grove

MIGUEL VILLAR

A comunidade conta cunha ducia de padeeiras na cita de Múnic que se disputa ata o domingo

18 ago 2022 . Actualizado ás 16:54 h.

Dúas semanas despois de coroarse no alto do podio por equipos na cita central da tempada, o Mundial de Halifax (Canadá), a selección española sénior de piragüismo esprint inicia este xoves a súa última gran competición internacional do 2022. Un Campionato de Europa que ata o domingo se disputa en augas de Múnic, Alemaña, de novo con Galicia nutrindo boa parte das embarcacións con opción de medalla.

Non estarán en Múnic nin o betanceiro Carlos Arévalo, bicampión mundial en K1 200 e K4 500, nin os cangueses Rodrigo Germade, compañeiro de Arévalo no título do kaiak de catro, e Teresa Portela, que xunto á padeeira do Kaiak Tudense Sara Ouzande colgábase a prata do K2 200 en Halifax e rozaron o podio no K4 500. No entanto, o piragüismo galego non estará orfo de referentes no Europeo.

No que se refire ás probas do programa olímpico, atopamos ao viveirense Cristian Toro , á pontevedresa Antía Jácome e á parella formada por Antía Romero (Piragüismo Rías Baixas-Boiro) e Cristina Soutelo (Kaiak Tudense). As dúas últimas compiten no C2 500, con Toro facéndoo a bordo do segundo K4 500 españois no selectivo nacional disputado no seu día para determinar a confección da selección para o Mundial, por unha banda, e o Europeo, polo outro, facendo dobrete en Múnic co zamorano Carlos Garrote no K2 200. Antía Jácome, pola súa banda, tratará de quitarse a espiña da súa ausencia no Canadá dobrando no olímpico C1 200 e formando parella coa madrileña María Corbera no C2 200.

O tomiñés Roi Rodríguez disputa o K4 1.000, co seu compañeiro asturiano no Kaiak Tudense Pedro Vázquez na tripulación, Iván Fernández (Ría de Betanzos ) e Lara Feijoo (Kaiak Tudense) sairán no K1 200, Pablo Graña (Rodeira de Cangas ) farao no C1 200, Adrián Sieiro (Piragüismo Poio) no C2 500 co balear Joan Antoni Moreno, Diego Romero (Breogán do Grove) no C1 5.000 e o paracanoísta Adrián Mosquera (Rías Baixas-Boiro) en VL3 200. Ademais, o asturiano do Fluvial de Lugo Pelayo Roza palea o K2 500, mentres que o galego Luis Ourille desprazouse a Alemaña como integrante do corpo técnico da selección española.