A Xunta propón situar na península do Grove un subGES dotado con seis axentes

La Voz O Grove / LA VOZ

O Grove

MARTINA MISER

Temen que a constitución do subGES non vaia a supor a mellora do servizo que desde hai tanto tempo ansía a península meca

20 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Hoxe celébrase a reunión da comisión de seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal de Galicia, os GES. Nese encontro participan a Xunta de Galicia, as deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), posto que no financiamento destes servizos colaboran Administración autonómica, provincial e municipal. Hai uns días, durante unha visita a Vilagarcía, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostraba o seu desexo de que sobre a mesa estivese, neste encontro, darlle unha solución á situación do Grove, unha localidade dotada dun grupo municipal de urxencias suxeito á renovación constante dos convenios a tres bandas que permiten o contrato das doce persoas que lle dan forma. E o asunto, finalmente, estará na orde do día. A Xunta anunciaba onte a través dun comunicado de prensa que vai propor a creación dun subGES na península meca.

Que significa a proposta da Xunta? A primeira vista, non parece que esa figura vaia a supor grandes beneficios para O Grove. Por unha banda, porque se expón un servizo integrado por seis persoas, cando na actualidade son doce as que conforman un cadro de persoal de urxencias cun elevado grao de eficacia nas materias máis diversas. Nestes momentos, os integrantes de Emerxencias O Grove atenden todas as urxencias que se expoñen dentro do termo municipal. Segundo o recolleito pola Xunta na súa comunicación, o subGES meco «atendería as incidencias desta zona peninsular», pero queda por saber se tería que desprazarse fose. A creación deste subGES no Grove non parece encaixar na liña xeral de actuación da Xunta, quen tamén «pretende aumentar o persoal para que todos os GES teñan doce efectivos, o que suporía contar con trinta e seis persoas máis para distribuír entre once grupos que no seu momento foron concibidos como SubGES con seis, nove e dez membros».

«Medio GES»

Desde a Xunta sinálase que coa súa proposta, «pasaríase a 35 GES e 4 servizos municipais actuais, é dicir, 39 GES en total, aos que se engadiría medio GES no Grove. Os GES estarían conformados por un total de 474 efectivos, dando cobertura a 189 concellos e complementando a atención a emerxencias prestada polos consorcios de extinción de incendios e salvamento, tamén cofinanciados polo Goberno galego».

Á espera do que hoxe ocorra na reunión da comisión, hai voces que temen que a constitución do subGES non vaia a supor a mellora do servizo que desde hai tanto tempo ansía a península meca.