CC. OO. alega ao plan de Thenaisie e pide unha ampliación do persoal

Serxio González Souto
serxio gonzález O Grove / LA VOZ

O Grove

MARTINA MISER

O sindicato valora de forma positiva a proposta de Conservas Dani

16 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha cousa é conceder á proposta de Conservas Dani a condición de mellor solución posible para a continuidade de Thenaisie Provoté, e outra moi distinta estar de acordo coas previsións de emprego que manexa a compaña catalá á hora de facerse coas instalacións que a conserveira posúe no Grove. Este é o principio baixo o que Comisións Obreiras, sindicato que forma parte do comité de empresa xunto á CIG, a central maioritaria, presentou unha serie de alegacións ante os administradores concursais e o xulgado que dirixe o proceso no que se acha inmersa a histórica firma grovense.

Miguel de María explica que, tras analizar a oferta, Comisións entende que se acha en liña coas condicións establecidas polo plan de liquidación para a venda de Thenaisie. No entanto, o sindicato cre, tamén, que a proposta inicial para que só doce das setenta traballadoras que conforman o persoal continúen no seu posto é escasa. Por iso, expoñen tanto aos administradores como ao propio xulgado que ese número se vexa incrementado na medida do posible. «Estamos convencidos de que, ademais, a creación dunha bolsa de emprego permitirá que co paso do tempo se vaian incorporando o resto das traballadoras, porque obviamente Conservas Dani vai precisar unha plantilla moito maior a medida que vaia recuperando a actividade da conserveira», argumenta De María. Esta formulación foi trasladado, tamén, aos potenciais compradores, cuxa opción debe ser validada pola autoridade xudicial.

Comisións explicou a súa postura ao alcalde do Grove, José Cacabelos, ao longo dunha reunión celebrada onte. «Pedímoslle á CIG -concluíu o sindicalista- que traballe neste proxecto serio e non o torpedee».