A oferta de Dani por Theneisie deixa fóra a planta de Mos e garante doce postos de traballo

R.E. O Grove / LA VOZ

O Grove

MONICA IRAGO

A CIG considera a proposta unha «tomadura de pelo» e Comisións apoiaraa se corrixe o que considera unha escasa garantía do emprego

13 abr 2021 . Actualizado ás 21:18 h.

A oferta presentada por Conservas Dani para facerse con Thenaisie Provoté deixou en evidencia a fractura existente entre os sindicatos CIG e CC.OO. Ambas as centrais deron a coñecer a súa opinión sobre o futuro debuxado pola potencial compradora da firma. Para a CIG non merece máis cualificativo que «tomadura de pelo». Para a segunda, é unha «boa noticia», aínda que hai algunhas cuestións que corrixir e matizar. 

Que ofrece Conservas Dani? En primeiro lugar, mostra o seu interese, unicamente, pola factoría do Grove. A planta que Thenaisie Provoté ten en Mos quedaría fóra dos seus plans. Esa circunstancia non gusta á CIG, aínda que recoñece que era unha posibilidade exposta no plan de liquidación. «Os trinta traballadores do servizo loxístico quedarían fóra», sinalaba Rosa Abuín. Comisións Obreiras, a ese respecto, recoñece que «se perdería Mos. Aí a representación dos traballadores é da CIG; a nós tócanos defender a planta do Grove», en palabras de Francisco Vilar.

A oferta presentada por Conservas Dani explica, tamén, que a compradora ten intención de acometer a posta a piques das instalacións do Grove, e que polo tanto non está en condicións de garantir a continuidade de máis dunha ducia de postos de traballo. A CIG considera esta proposta unha burla, xa que «Thenaisie Provoté non traballa con doce persoas. Precisa a actual plantilla, dunhas setenta», que xa estaría máis que axustada, ao seu xuízo. Considera Rosa Abuín, ademais, que se Conservas Dani ten a intención real de manter o emprego, podería buscar fórmulas alternativas para axustar as súas necesidades de persoal durante as obras, mediante a negociación dun ERTE. No canto de explorar esas vías faise un «brindis ao sol». E a CIG, «vendo os precedentes que ten esta empresa na súa planta de Carnota», non se cre que se vaian recoller aos traballadores que agora queden fose do proxecto a medida que se retome a produción. Tampouco Comisións Obreiras ten claro este punto. De feito, é algo que «non nos gusta», aínda que confían en que se corrixa. «O proxecto desta empresa pasa por traballar novas producións, o que implica facer unha remodelación importante das instalacións; calculan que lles levaría uns seis meses». Non lles parece razón suficiente para garantir unicamente a continuidade de doce postos de traballo, e así llo trasladaron á empresa, que se comprometeu a, esta mesma tarde, «ampliar ou número». Tamén critica «que non haxa unha bolsa de emprego» que garanta que os traballadores que quedan fóra nesta primeira fornada volverán ser chamados. Se ese asunto tamén é contemplado pola empresa, que se comprometeu a avalialo, «para nós Dani cumpre coas condicións. Non andamos con ambiguidades: apostamos firmemente pola proposta de Dani», dixo Vilar, quen lembrou algunhas das súas esixencias previas: que sexa unha empresa do sector, con marcas propias, unha boa cadea comercial e capacidade financeira. Nese sentido, Dani a ofertado dous millóns de euros pola factoría.