Das estremas na Lanzada

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O Grove

O Grove

RAMON LEIRO

O vindeiro xoves reunirase a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza para fallar o recurso interposto polo concello de Sanxenxo e a Comunidade de Montes de Noalla

28 feb 2021 . Actualizado ás 10:13 h.

O vindeiro xoves reunirase a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza para fallar o recurso interposto polo concello de Sanxenxo e a Comunidade de Montes de Noalla na demanda destas entidades para que o espazo que vai desde o límite co municipio do Grove, onde hai un campo de fútbol e outras instalacións, ata a capela da Lanzada, que presupoñen que é deles, sexa declarado de mancomún. Nesta petición só atinxen ao concello do Grove uns mil catrocentos metros cadrados que a Comunidade de Montes de San Vicente defende como pertencentes á súa parroquia. O xulgado de Pontevedra fallou contra as institucións de Sanxenxo. É a última porfía -e seguro que non a derradeira- ó redor das estremas dos municipios do Grove e de Sanxenxo, establecidas mediante un deslinde de 1959 confirmado por sentencia do Tribunal Supremo de 17 de novembro de 1961, vixente agora mesmo, pero que non está claramente sinalizado, e non sei se non haberá que mover os marcos. A decisión que adopte a Sala do Contencioso este próximo día catro definirá, se cadra, se unha Comunidade de Montes pode ser titular por fóra dos límites parroquiais, neste caso noutro Concello. Estes conflitos por lindes entre Sanxenxo e O Grove veñen de vello. En dous ou tres artigos voulles contar un deles, que ten a súa importancia porque trae luces á conformación histórica do Santuario da Virxe da Area da Lanzada. Localicei un litixio no Arquivo do Reino de Galicia e entregueille unha copia ao meu amigo o historiador Juan Francisco Vidal quen, con coñecementos sobrados e paciencia infinita, estao a transcribir, porque para min resulta ilexible. O preito é de 1693, -non existían os concellos- sendo cura de San Vicente o coñecido Pedro Mareque, soterrado debaixo do altar maior de Adro Vello; de San Martiño do Grove, Pantaleón de Benavides e Soutomaior (1632, Marín), achegado á nobleza, e de San Estevo de Noalla, Juan Antonio Trelles, que pertencía a unha estirpe asturiana, residía na aldea de Mourelos e fundou o vínculo da Casa da Porta do Conde, en Quintáns. Este era un tipo duro, irado e atrevido. Hai quen di que, como nos arredores da Lanzada anda a Santa Compaña, foi a súa ánima en pena, na noite de San Xoán do 2001, quen lle prendeu lume ao barco que O Grove instalara na rotonda achegada a Noalla. En vida del, o santuario da Area da Lanzada era economicamente moi produtivo pola devoción existente á súa Virxe ?«Indo polo mar abaixo/ o vento rachoume a vela/ Miña Virxe da Lanzada/ dáme pano para ela»- pero o cura de Noalla enfrontábase a un grave problema: o illote onde está o santuario -«Nosa Virxe da Lanzada/ que altiña se foi pór/ dálle o aire, dálle o vento/ dálle o mar polo arredor»- pertencía, era posuído e gobernado polo curato do Grove. Ao párroco de San Estevo levábao o demo o non participar nas ganancias porque para ir ao illote por terra había que tocar nas estremas da súa parroquia. E no mes de maio de 1692, plantouse, ben aparellado, diante do cruceiro que hai aínda hoxe polo Leste da ponte e detivo á procesión que saíra desde o santuario: «Aquí mando eu e non pasan nin as andas da Virxe sen meu permiso». Houbo que acudir á Xustiza. Como se dicía nos folletíns por fascículos: continuarei.