O comité de Thenaisie Provoté reúnese cos administradores e o xuíz do proceso concursal

La Voz O Grove / LA VOZ

O Grove

MONICA IRAGO

Os sindicatos defenden a oferta do empresario galego que se compromete a manter os 125 postos de traballo

23 jun 2020 . Actualizado ás 20:36 h.

A de hoxe pode ser unha xornada crucial para o futuro de Thenaisie Provoté, a histórica conserveira do Grove que acaba de internarse nun proceso concursal, lastrada pola falta de liquidez que lle impide adquirir materia prima. Con parta dos seus traballadores sometidos a un expediente de regulación temporal de emprego, o comité de empresa reúnese esta mañá co titular do Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra, que tutela a situación concursal, así como cos administradores que se farán cargo do funcionamento da compaña se o concurso segue adiante.

Os representantes dos traballadores, con Comisións Obreiras e a CIG como sindicato maioritario, teñen en mente unha solución clara: a oferta que o empresario galego Alfonso Caneiro puxo sobre a mesa para adquirir a conserveira. Rosa Abuín, responsable da central nacionalista, aposta por unha venda directa, que evite que a compaña siga internándose no proceso concursal. A proposta de Caneiro, que dispón dunha flota propia, con caladoiros en Marrocos e o Pacífico, comprométese a manter os 125 postos de traballo que se distribúen entre a factoría do Grove e a planta loxística de Mos. A súa idea é proporcionarlles materia prima de inmediato para que recobren canto antes un nivel óptimo de funcionamento.

A outra empresa que ata agora mostrou o seu interese por Thenaisie Provoté é o grupo catalán Conservas Dani. Con todo, o comité subliña que, de momento, non se coñecen os detalles da súa oferta, máis aló da súa disposición a visitar as instalacións e coñecer a situación que atravesa a conserveira, fundada no Grove en 1904.

Por todo iso, os portavoces do persoal non comprenden que nin a dirección financeira do grupo romanés Scandia Food, actual propietario da firma arousá, nin o despacho de Garrigues que exerce como o seu asesor teñan tido en conta ata agora o ofrecemento de Alfonso Caneiro. De feito, o industrial galego puxo a semana pasada un prazo de sete días para que se aborde a súa proposta. De non ser así, retiraraa.