Da introdución á historia do Meco

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O Grove

O Grove

CEDIDA

26 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

vento dá travesía avelino ochoa

Historia e lenda non se exclúen. Historia como conxunto de feitos ocorridos no pasado e lenda como «relato tradicional de feitos fantásticos, que poden ter un fondo histórico pero que foi deformado e esaxerado co paso dos anos». A lenda do Meco apropiouse do nome común meco, do latino moechus, lascivo, recollido pola RAG coa acepción de home luxurioso e, co mesmo significado, nalgúns dicionarios antigos de español e en portugués. O senso de meco como ofensa en galego vén de antigo e foi perdendo uso como substantivo común para converterse en nome propio, a partir de ambientes populares. Ese proceso de personalizar, de pasar de meco a Meco, seguiuse entre Douro e Miño e noutros lugares. No Alonso Estravís di que Meco é unha personaxe lendaria galego-portuguesa. Tense asociado á figura dun cura e aparece na literatura dende o XVI, sen situalo en ningures. A localización concreta nalgún lugar do Grove, xa como Meco, xurdiu hai uns trescentos anos. O Padre Sarmiento escribiu en 1756 e 1757 dous estudios sobre este mito, Escritos sobre O Meco, ó redor dos cales Pensado Tomé publicou unha monografía en 1992, sendo editados tamén por Toxosoutos no 2001, con comentario de Clodio González Pérez. Miguel Besada e Francisco Meis, en Aunios, recordáronnos que tamén trataron esta lenda desde o cura de Fruíme ata Montero Ríos, entre outros. Paralelamente á conversión de nome común en propio, no Grove evolucionou de aldraxe a xentilicio. Esa metamorfose reforzouse cun sainete, estreado o 23 de decembro de 1930, titulado Ou señor feudal ou Quen matou ou Meco, autoría de Francisco Franco Calvete con música de Juan Fernández e José Besada, todos grovenses. Foi editado por Breogán en 1982, con ilustracións de J.M. Besada Costa. Unha peza teatral que non pretendía rigor histórico e onde se utilizaban recursos de resaibo popular como a romántica parella namorada, o luxurioso señor feudal ou a xustiza do pobo. Sen embargo, nos escritos do Padre Sarmiento hai datos fácticos esclarecedores: na súa visita a O Grove, aínda vixente o sistema foral, algo tivo que escoitar para deducir que os feitos que deron lugar a situar aquí a lenda puideran ter ocorrido uns oitenta anos atrás porque afirma que «De todo se conserva memoria en el Archivo de la Audiencia» e «Se me fose lícito rexistrar os Autos, só con saber o ano abondábame para facer patente a todos o meu pensamento sobre o Meco». O historiador Juan Francisco Vidal corroboroume que ía na dirección correcta, sinalándome un levantamento polos foros, non por lascivia, constatado tanto na enciclopédica memoria de seu pai, como en documentos que recollen testemuños de moitos veciños, condenas e embargos a dezanove familias e co afoutado capitán de Valga, señor da Casa e Torre da Fonte, morto pouco despois da tunda. Aparte de topar innumerables litixios polos foros entre a Casa e Torre da Fonte e os de San Vicente, demos co procedemento que xulgou a rebelión. Narrareilles esta revolta, que transcende á lenda do Meco, das máis duras contra os foros en Galicia.