A calidade vaise de cámping ao Grove

O Grove

CEDIDA

O Paisaxe II recolleu dous galardóns que certifican o seu excelente servizo e a súa renovación constante

24 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai empresas que son moito máis que un negocio. O cámping Paisaxe II, no Grove, forma parte dese selecto club. O establecemento, ben ancorado no sector do turismo arousán, ten vinte anos de historia. Situado en San Vicente, o cámping logrou manterse, durante as súas dúas décadas de historia, á vangarda do sector. Como? Pois a base de traballo e de ideas claras, de ofrecer un servizo excelente, de innovar todos os días, de estar pendente das necesidades dos seus clientes para satisfacelas canto antes, e de facer todo iso sen descoidar o medio ambiente, a marabillosa contorna que explica -tamén- o éxito do cámping.

Ese bo xeito de facer as cousas foi premiada, por partida dobre, esta semana. Onte pola mañá, o Cámping Paisaxe II foi recoñecido como o establecemento SICTED máis competitivo do ano. É un premio outorgado pola Secretaría de Estado de Turismo a aqueles establecementos que despuntan no seu compromiso coa calidade e a sustentabilidade.

Non sería o único galardón da xornada para este cámping grovense: pola noite, o nome do establecemento que dirixe Rubén Leiro volveu soar na Gala Q, na que se entregaron os distintivos Q de Calidade que o Paisaxe II renova cada ano, sendo un dos catro negocios de acampada de Galicia que teñen esta insignia.

Estes recoñecementos, din desde o establecemento de San Vicente, saben ben. Á fin e ao cabo, son a recompensa a «un arduo traballo de implementación de políticas baseadas na exquisitez cara ao turista».

Para lograr ese obxectivo é necesaria a suma de moitos factores. Un deles, o persoal. O Paisaxe II fixo esforzos para mellorar a formación de quen nel traballan. Adoitan ser persoas do Grove ou de municipios limítrofes, porque esa é unha das bandeiras do cámping: contribuír ao desenvolvemento do medio no que está situado, San Vicente. E iso faise tanto axudando a xerar riqueza -e o emprego é a base da mesma- como minimizando o seu impacto na contorna, intentando reducir ao máximo a pegada ecolóxica do cámping.

Rubén Leiro, o director do establecemento que non ten medo a experimentar novas posibilidades, asegura que os premios recibidos «supoñen un gran recoñecemento ao traballo realizado». Pero el ten claro, e talvez iso sexa o que fai tan grande ao cámping, que «o maior recoñecemento son os sorrisos e as palabras de agradecemento que ano tras ano nos dan os nosos clientes».