O Concello do Grove planta paulonias para loitar contra o cambio climático

b. C. ou grove / a voz

O Grove

CEDIDA

Plantáronse os cinco primeiros exemplares na zona do Corgo e a previsión é estender esta variedade arbórea a outros espazos verdes do municipio como Confín e Terra de Porto

15 ene 2020 . Actualizado ás 12:58 h.

É un pequeno paso que para o goberno do Grove ten moita relevancia. «Parece unha bobada, pero estamos convencidos de que pequenas actuacións como esta en concellos como O Grove contribúen a concienciar sobre a sustentabilidade». Fala o alcalde, José Antonio Cacabelos, e refírese á plantación de novas árbores no municipio. Trátase de paulonias, que teñen unha alta capacidade para reducir as emisións de CO2 e para producir osíxeno, segundo explican desde o Concello.

Plantáronse os cinco primeiros exemplares na zona do Corgo e a previsión é estender esta variedade arbórea a outros espazos verdes do municipio como Confín e Terra de Porto. «É como un filtrador de aire», apunta o rexedor.

Cacabelos circunscribe esta iniciativa na política ambiental do Concello, que pivota sobre varias liñas: compostaxe de restos orgánicos, redución da contaminación lumínica, a peonalización de rúas e a xestión de residuos nas festas, como o Marisco e o Nadal.