O eficaz trampeo de velutina reduce os operativos de Emerxencias O Grove

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo O Grove / LA VOZ

O Grove

MARTINA MISER

Pechou o 2019 con 1.248 intervencións de todo tipo, por 1.444 do ano anterior

11 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A prevención de sinistros creceu un 50 %; houbo menos incendios urbanos, e máis forestais

O Servizo Municipal de Emerxencias do Grove fixo onte balance do seu labor ao longo do ano que acaba de concluír. Un 2019 no que, informa o seu xefe, José Antonio Álvarez, os seus operarios realizaron un total de 1.248 intervencións, case 200 menos que as 1.444 que desenvolveron na anualidade anterior. Un descenso que obedece en boa medida, explica Álvarez, á eficacia da guerra emprendida polo seu departamento contra a invasión da avespa asiática.

Dos 144 niños de velutina retirados por Emerxencias O Grove no 2018 pasouse a 45 no 2019. Unha drástica caída tras a que se esconde a intensificación do labor de trampeo das raíñas, pasando dos 63 días investidos no devandito labor durante o 2017 aos 106 do ano seguinte. Tendo en conta que no 2019 foron 116 as xornadas empregadas na devandita vía preventiva, é de agardar que este novo calendario de doce meses poida guindar unha melloría aínda maior no próximo balance anual do servizo meco.

Os seus profesionais tamén reduciron as capturas e retiradas de animais, tanto de gatos e cans, 109 polas 135 practicadas no 2018, como de diferentes tipos de animais salvaxes, 63 o último ano, cando o anterior foran 82.

No polo oposto, o capítulo no que máis se incrementou o número de intervencións de Emerxencias O Grove foi o da prevención de sinistros, como a retirada de ramas de árbores, tezas ou calquera elemento de fachadas que ameacen con desprenderse á vía pública, que pasou das 64 do 2018 ás 99 do último ano. Un segmento no que «traballamos sobre todo no saneamento de árbores con perigo de caída», destaca José Antonio Álvarez.

En canto a incendios refírese, a participación de Emerxencias O Grove en sinistros urbanos foi menor que no 2018, con seis intervencións menos, 20, pero houbo de aumentar a súa presenza en lumes forestais, pasando dos 9 aos 13 operativos do 2019.

Subiron a intervención en accidentes de tráfico e saídas de vía, de 50 a 54, pero baixaron as limpezas de vías, por manchas de aceite ou líquido hidráulico principalmente, de 51 a 41.

O servizo que dirixe José Antonio Álvarez participou no transcurso de 2019 na cobertura de máis accións de salvamento marítimo, 15 polas 12 do ano anterior, atropelos, 7 fronte a 4, persoas desaparecidas, 5 por 1, e accidentes laborais, 4, un máis que no 2018.