Os turistas anímanse a cruzar a ponte da Constitución

La Voz

O Grove

MARTINA MISER

Os hoteis que decidiron abrir as súas portas lograron uns excelentes datos de ocupación

07 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Co sol brillando sobre o mar e matizando os verdes do val do Salnés, a comarca ofrecía onte a súa mellor cara aos turistas que decidiron cruzar a ponte da Constitución e vir pasalo entre nós. Estas xornadas de asueto provocaron un importante movemento cara a Arousa e os hoteis que a estas alturas decidiron abrir as súas portas están a ver recompensado o seu esforzo invernal con niveis de ocupación que chegan, nalgúns casos, ao cento por cento. É, por exemplo, o caso do Villajuanita, unha auténtica institución no Grove. «Estamos completos», di o seu responsable. E asegura que, polo menos, parte da culpa deste éxito de fin de ano é de Abel Caballero e o espectáculo no que converteu o Nadal de Vigo. Polo menos, das luces e a neve é do que falan os turistas en canto entran pola porta. E onte, tanto no Villajuanita como na Noyesa, outro clásico da hostalería meca, a trasfega era constante. «Non pairan de entrar os clientes», explicaban desde as recepcións. Bo sinal.

Claro que, na península meca, son poucos os hoteis que se decidiron a abrir. E probablemente non sexan moitos máis os que estean en funcionamento durante o Nadal. E é que o de saír de viaxe aproveitando as celebracións de decembro segue sen estar de moda. «O fin de ano vai collendo bastante tirón, así que para esa festa en concreto é posible que haxa hoteis que abran», explican hostaleiros do Grove.

En Vilagarcía e Cambados os datos da ponte da Constitución son máis que satisfactorios para aqueles establecementos que están en activo. Como na península meca, boa parte deles están a estas alturas pechados baixo sete chaves. E os que non o están aínda, agardan unicamente a cruzar esta ponte para botar o cadeado e tomarse uns días de descanso. É o caso do hotel Europa, na localidade do Albariño, onde traballan estes días de ponte co 60 % das prazas ocupadas.

«Agardemos que aguante», din os hostaleiros

As previsións do tempo din que esta fin# de semana se acabou o sol e o frío. As nubes volverán facer acto de presenza, e con elas poderían volver as choivas. Os hostaleiros cruzan os dedos e confían en que o bo tempo aguante, polo menos uns días. Dese xeito, os seus hóspedes poderán gozar da comarca en todo o seu esplendor, ademais de viaxar a Vigo, a Santiago ou onde lles plazca con máis comodidade.