Cabichas, cordas e botellas poboan a costa de Con Negro

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso O Grove / LA VOZ

O Grove

Maruxa Alfonso

O club de pesca Illas Cíes limpou praias e rocas deste espazo

16 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A costa de Con Negro, no Grove, ten hoxe menos plásticos, cabichas e restos de lixo que hai uns días. Os responsables son os integrantes do club Illas Cíes, que onte quixeron sumarse á campaña posta en marcha por clubs de kaiak de toda España para eliminar os plásticos e outros restos da costa galega. Ao redor de catorce persoas participaron nesta iniciativa, que contou coa colaboración do Concello do Grove, que lles cedeu as luvas e as bolsas e hoxe mesmo recollerá o lixo reunido por estes voluntarios.

«En Cádiz celébrase un mercadillo que se chama o Piojito e temos un amigo que, vendo que todos os plásticos acababan no mar, decideu recollelos», explica Víctor Ferreiro, do club galego. Foi así como xurdiu a idea de que estes pescadores poderían saír un día en kaiak a limpar a costa, no canto da pescar. Con todo, ao chegar ao Grove -unha zona que coñecen ben porque pescan nela- comprobaron que no mar non había moitos plásticos, que a sucidade estaba en terra. Así que, armados coas súas bolsas e luvas, puxéronse ao choio. O seu exemplo fun imitado. «Dúas persoas que estaban por aquí, ao vernos, puxéronse a axudarnos», di Ferreiro.

Durante un par de horas, percorreron a costa de Con Negro, desde a praia ata o paseo que transcorre por diante da batería militar. As súas bolsas enseguida enchéronse, sobre todo, de trocitos pequenos de plástico. «O que máis hai son cabichas, hai infinidade de elas», explicou Ferreiro. «Atopamos tamén restos dun botellón, con vasos de plástico e botellas de cristal, e moitos anacos de cordas», contou outro dos voluntarios. A actividade non só quería servir para limpar a costa, senón tamén «para concienciar, para chamar a atención. Non costa traballo ningún, de paso que se vai de paseo, coller unha bolsa e recoller algúns plásticos», insistiu Ferreiro. Ese simple xesto axudaría a evitar que moitos deses elementos rematasen no mar. «O que vimos é que os plásticos están desfeitos e así é doado que acaben no mar e os coman os peixes», insistiu.