Os campamentos de verán chegarán a miles de nenos na comarca

Bea Costa
Bea Costa VILAGARCÍA / LA VOZ

O Grove

MONICA IRAGO

Os concellos lanzan a partir do luns unha ampla oferta de actividades para axudar a conciliar a vida laboral e familiar

27 jun 2019 . Actualizado ás 21:53 h.

O colexio rematouse e os nenos volven estar en casa. Que facer con eles?, esa é a pregunta que se fan moitos pais cada verán. Algúns recorren á familia, pero os avós, tíos e demais non sempre están dispoñibles, de modo que os campamentos e actividades organizadas desde o ámbito público resultan de gran axuda. A oferta é ampla e variada e arrinca este luns.

Vilagarcía

Onde elixir. A maior entidade de poboación, maior é o alcance da oferta municipal, e en Vilagarcía alóngase mesmo ata setembro. O luns comeza o Campamento Urbano de Verán, para nenos de 3 a 7 anos. Inscribíronse 90, dos cales máis da metade solicitaron servizo de comedor e 31 poderán gozar del de forma gratuíta. A cota xeral por asistencia é de 180 euros polos dous meses, xullo e agosto, 90 por un mes e 45 euros por quince días, a parte do servizo do comedor. En xullo tamén se porán en marcha as Escolas Multideportivas, que programará actividades de luns a venres en horario de mañá, en Fexdega e na praia. Haberá ocasión de xogar ao bádminton, ao tenis e a patinar, entre outras disciplinas deportivas. O prezo é de 12 euros ao mes, con bonificacións, e o prazo de inscrición conclúe mañá. A maiores, o Concello de Vilagarcía organizou dous campamentos ambientais para o mes de xullo e outro de temática tecnolóxica, para setembro.

Cambados

Repite esquema. Neste municipio ofrécense solucións para todas as idades e todos os perfís. Os máis pequenos, de 3 a 8 anos, dispoñen da Ludoteca de Verán, que inclúe servizo de comedor. Ademais, este luns comeza o programa de actividades na biblioteca municipal Luís Rei e nas casas de cultura das parroquias, de luns a venres, en horario de mañá. E o luns tamén comeza unha nova edición, a sétima, do campus deportivo que naceu ao abrigo do Club Mocidade Cambados e que co paso dos anos hase diversificado a outros deportes, ademais do fútbol. Esta tempada hanse batido todas as marcas e arrincará con 320 inscritos. A base de operacións é o complexo do Pombal e, desde aí, organizaranse múltiples saídas. O prezo é de 100 euros ao mes e este ano incorpora servizo de Plan Madruga. Unha trintena de monitores están xa preparados para recibir aos mozos.

O Grove

Dúas localizacións. Como noutros municipios, os grovenses teñen onde elixir: o campamento de conciliación e o deportivo. O primeiro celébrase no colexio Valle-Inclán en horario de mañá e dispón de servizo de comedor e Plan Madruga. O luns ponse en marcha con 170 nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos e o prezo é de 66 euros ao mes, servizos á parte. O pavillón de deportes é o outro escenario elixido para a oferta municipal. Alí están emprazados os rapaces de 7 a 14 anos, tamén en horario de mañá e de luns a venres, cunha cota de 80 euros ao mes. Neste caso hanse inscrito 200 nenos e hai lista de espera.

Vilanova

Moita tecnoloxía. En Vilanova foron pioneiros na incorporación das novas tecnoloxías á oferta de lecer estival e o SalnésCampus repite un verán máis nas instalacións de Vista Real, aínda que a organización xa advirte que podería ser o último. En quendas semanais, durante xullo e agosto, os nenos poderán practicar con drones, facer impresión 3D e iniciarse na robótica. O prezo é de 60 euros. A maiores, no Terrón empeza o luns outro campamento de verán coa colaboración do Concello, neste caso máis pegado ao terreo, porque permitirá xogar ao fútbol ou facer tiro con arco. Tamén están previstas actividades acuáticas aproveitando a proximidade da praia. Inscribíronse 220 nenos e a cota é de 140 euros ao mes.

a Illa

Coa Fundación Deportiva Municipal, e gratis. Hoxe conclúe o prazo para inscribirse nas actividades de verán. Nestes momentos hai apuntados máis dun centenar de rapaces de entre 3 e 12 anos, que poderán practicar béisbol, hockey, balonmán, voleibol e bádminton, ademais de facer rutas en bicicleta e excursións. As actividades realizaranse de luns a venres pola mañá e son de carácter gratuíto grazas ao patrocinio das organizacións de mexilloeiros.

Valga

En prazo de inscrición. A Escola de Verán organizada polo Concello está concibida para nenos de entre 5 e 14 anos e a inscrición aínda se mantén aberta ata o 5 de xullo no auditorio ou no concello. A asistencia é gratuíta e o programa inclúe cine, patinaxe, piragüismo e outras propostas de lecer.

Meis

Para nenos e adolescentes. LudoMeis, como deron en chamar ao campamento de verán municipal, comeza o luns con nenos de 3 a 12 anos nas instalacións no colexio. No Concello tamén pensaron nos maiores e do 15 ao 30 de xullo desenvolverase outro campamento para mozos de ata 17 anos no centro multiusos de Mosteiro, que funcionará de luns a venres pola mañá. Nesta proposta mestúranse a actividade física coas actividades didácticas, artísticas e culturais e prevense excursións polo municipio. O prezo é de 30 euros. A inscrición pódese formalizar a través de omix\meis.gal.

Ribadumia

Mirando ao futuro. En Ribadumia sumáronse á aposta polas novas tecnoloxías co campus Tecnoxove, que neste caso está pensado para adolescentes e adultos, de 14 a 30 anos. Constará de tres talleres que se realizarán os sábados, de 9 a 14 horas, durante os meses de xullo, agosto e setembro. A actividade é de carácter gratuíto porque está financiada pola Xunta de Galicia

Pontecesures e Catoira

A beiras do Ulla. As familias de Pontecesures e de Catoira tamén disporán dun respiro grazas aos campamentos de verán que organizan os respectivos concellos. No municipio viquingo desagrégase en dous escenarios, no colexio e no pavillón de deportes. En Pontecesures, a base de operacións sitúase no colexio, para nenos de 3 a 12 anos, e funcionará de luns a venres.

As sinas e A Lanzada

Da Xunta e a Deputación. Á oferta dos concellos hai que sumar os campamentos da Xunta e a Deputación que se celebran nas Sinas (Vilanova) e A Lanzada (O Grove), respectivamente.