A grovense Natalia García entra no K-4 500 de España para a Copa do Mundo

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O Grove

Cedida

A kayakista do Breogán desbancou esta semana á mallorquina Alicia Heredia dunha tripulación que pelexará en Duisburgo por gañarse o dereito ao Mundial preolímpico de agosto

18 abr 2019 . Actualizado ás 18:42 h.

A padeeira do Breogán do Grove Natalia García Naveiro converteuse esta semana, tras Teresa Portela, na segunda galega confirmada no equipo co que a selección española de piragüismo esprint abrirá o calendario internacional 2019 orientado ao Campionato do Mundo de agosto, no que se repartirán o groso das prazas para os Xogos de Tokio 2020. Tras unha serie de filtros selectivos que arrincaban a principios de mes no encoro asturiano de Trasona e finalizaban o pasado martes en Madrid baixo a atenta mirada do seleccionador hispano do K4 500 femininos, Luis Brasero, Natalia García desbancou á mallorquina Alicia Heredia, gañándose o dereito a competir na Copa do Mundo de Duisburgo (30 de maio a 2 de xuño) xunto ás compañeiras de Heredia no K4 500 no Mundial do 2018, a asturiana Sara Ouzande, a ceutí Isabel Contreras e a vasca Begoña Lazcano.

No proceso selectivo, Natalia García impúxose así mesmo á catalá Laia Pelach e á mallorquina Aida Bauzá, que como as outras catro rivais da galega polos asentos no K4 500, forman parte do grupo de traballo reunido por Luis Brasero o pasado outono con vistas a formar os káyaks femininos de equipo cos que España pelexará este verán polas prazas nos Xogos Olímpicos do 2020.

A breoganista e os seus tres compañeiras no K4 500 iniciarán este domingo unha longa concentración en Laias, Ourense, para preparar a Copa do Mundo de Duisburgo. No seu punto de mira, un posto entre as nove embarcacións finalistas, co que o cuarteto se aseguraría repetir no equipo que España presentará no Mundial de agosto en pos das prazas olímpicas de Tokio.