O PP denuncia o caos de tráfico que se está xerando nas rúas grovenses

La Voz O Grove / LA VOZ

O Grove

MARTINA MISER

A formación popular sostén que «a ordenación do tráfico está en mans dun alcalde absolutamente incapaz e incompetente»

19 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Partido Popular do Grove volveu cargar onte contra os cambios de tráfico que está aplicando o equipo de goberno nas rúas da localidade. Considera que as últimas decisións tomadas polo alcalde, José Cacabelos, non fan senón «confirmar e ratificar que a ordenación do tráfico está en mans dun alcalde absolutamente incapaz e incompetente», argumentan os conservadores. Culpan tamén ao rexedor de tomar decisións «sen unha planificación nin estudos previos, en función máis ben de como se esperte pola mañá».

Os populares aseguran que as últimas decisións de Cacabelos provocaron que rúas que no seu día foron concibidas para a circulación de vehículos pasen a ser peonís, «obrigando a que os coches deban circular por ruelas estreitas polos que camiñan os veciños, sen beirarrúas e expostos ao risco de ser atropelados». Estas medidas están espertando a preocupación dos veciños, por iso é polo que o PP leve un tempo denunciando todas estas modificacións.

Para os conservadores, todas as decisións en materia de tráfico que tomou o goberno local deixan claro «a falta de planificación e de criterio obxectivo» por parte do grupo de goberno. Consideran que o alcalde carece de calquera tipo de asesoramento técnico especializado en materia de circulación viaria e que iso se pode comprobar co resultado dos cambos aplicados nas rúas mecas. Para o PP, as peonalizacións e cambios de dirección só están a provocar «caos, desorde e problemas para os veciños do Grove», conclúen.