O PP di que Cacabelos sofre «complexo de Deus»

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso O Grove / LA VOZ

O Grove

MARUXA ALFONSO

Acusan o alcalde meco de tachar de confabulación calquera proxecto non logrado

05 feb 2019 . Actualizado ás 14:06 h.

O PP do Grove cargou onte contra a actitude mostrada polo alcalde do Grove, José Cacabelos, en relación coa paralización do proxecto do auditorio. Para os conservadores, o rexedor sofre «complexo de Deus», o que provoca que «calquera obra ou investimento que se faga no Concello é atribuída ao gran traballo propio ou por graza de institucións do mesma cor política. Calquera petición, solicitude ou proxecto non logrado responde a unha confabulación na súa contra». Isto provoca «enfrontamento continuo, sobreexposición mediática da pelexa» que, á súa vez, dificulta «calquera tipo de negociación e mesmo pecha calquera canle de comunicación», argumentan no PP.

Un claro exemplo de todo isto é o proxecto do auditorio, que lle serviu a Cacabelos para cargar contra toda a oposición. Os populares recoñecen que todos os partidos se opuxeron ao crédito de 4,5 millóns de euros, «cando terían chegado 2,5 millóns, cando se acabou demostrando que o crédito non era necesario para pedir a subvención. E iso sen explayarnos en detalles de como unha obra que ía custar catro millóns vai polos 5,5», denuncian os conservadores.

Técnicos confabulados

Pero o que xa consideran máis sanguento é que o rexedor cargue agora contra os técnicos do tribunal da Xunta que tombaron a adxudicación do auditorio. O PP argumenta que Cacabelos vén dicir que «uns funcionarvos públicos, faltando ás súas obrigacións, manipulados dalgún xeito, adoptaron unha decisión de xeito intencionado e para frear os proxectos do grupo de goberno», denuncian. O que quere dicir, continúan os populares, que «se non chegaba esta especie de confabulación contra o goberno do PSOE por parte do PP, EU, BNG, mancomunidade e Xunta, agora sumamos un novo campo: os funcionarios públicos».

Para o PP, Cacabelos está a recorrer «ao discurso do victimismo para xustificar calquera revés». Unha actitude que non comparten porque entenden que os políticos está para «representar os intereses das persoas e axudar a solucionar os intereses dos veciños, independentemente das súas ideas ou do partido ao que sexan afíns».