O Rasu pide a repetición íntegra do partido na Cañiza, e resérvase a opción da denuncia xudicial

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O Grove

ROSARIO GONDAR

O club reclama explicacións da Federación, e agardará a coñecer o alcance real da lesión do seu porteiro para acudir á xustiza

23 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Rasoeiro ultimaba na noite de onte o envío dun escrito ao Comité de Competición da Real Federación Española de Balonmano como resposta á súa indignación por ter que xogar o pasado sábado na cancha do Seaplast Cañiza sobre, denunciou o club grovense, unha pista impracticable pola condensación, que lle custou unha lesión grave do seu porteiro titular, Adrián, e o anuncio deste último do punto final á súa carreira deportiva.

No escrito, explicaba onte o presidente do Rasoeiro, Diego Gondar, o club pídelle á Federación «a repetición do partido» na súa integridade. Isto é, xogar os 60 minutos co marcador de partida a 0, e non desde o minuto 40 co 28-16 que campaba no momento no que a parella arbitral decidía suspender o choque, con Adrián xa lesionado, o seu compañeiro de portería Quique levando un forte golpe nas costas, e o seu adestrador, Kito Parada, enfadadísimo tras non acceder os colexiados a aprazar o encontro como lles pediu antes e durante o mesmo pola situación dunha cancha esvaradía por culpa da humidade.

Gondar engade que «imos pedir que nos expliquen por que se xogou o partido nesas condicións», sinalando ademais que o feito de contar só cun canón de calor ata o consumo do seu combustible na área da Cañiza condicionou o marcador provisional.

Sobre a posibilidade de denunciar pola vía xudicial os árbitros pola lesión nun xeonllo de Adrián, o presidente do Rasu dixo onte que esta é unha medida supeditada á gravidade da lesión fixada no diagnóstico definitivo.