O colexio Rosalía do Grove confía en estrear o comedor o mes próximo

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso O Grove / LA VOZ

O Grove

MARUXA ALFONSO

Xa comezou a instalación do novo módulo prefabricado, que terá capacidade para corenta prazas

18 ene 2019 . Actualizado ás 22:07 h.

Foron anos de espera. Cursos e cursos reclamando poder contar cun servizo que xa teñen outros colexios do Grove: o comedor escolar. Pais, alumnos e profesores do colexio Rosalía de Castro viron esta semana como o seu soño se facía realidade. No patio escolar comezaron os traballos para colocar un módulo prefabricado de última xeración, un espazo que a partir do mes próximo permitirá ao centro ofrecer o servizo de comidas. Ten cabida para corenta alumnos, pero a asociación de pais quere organizar dúas quendas, para dar cabida a todo o que o precise.

A obra foi visitada onte pola concelleira de Educación, Pilar Galiñanes, o alcalde, José Cacabelos, e representantes do AMPA. Segundo a empresa encargada das obras, a instalación do módulo prefabricado estará lista a partir da próxima semana. Entón só quedará pendente a conexión eléctrica e de auga, ademais da construción de ramplas de acceso nas portas e a colocación dunha rejilla que cubra a parte inferior, que foi pilotada sobre uns bloques. Obras, todas elas, que sufragará o Concello do Grove, que tamén pagou 30.000 euros, a metade do que custa o módulo prefabricado. Estes traballos coordinaranse xa coa empresa que vai ofrecer o servizo de cátering ao centro, para que o novo recinto cumpra con todos os servizos precisos. Construirase unha encimera de metal e un fregadero. Quedará entón pendente só a instalación do mobiliario, que o AMPA solicitou a Educación. O recinto estará ademais perfectamente acondicionado, pois conta con dous módulos de aire que permitirán regular a temperatura no seu interior. Ten tamén un tellado a dúas augas, o que mellora o seu illamento.

As previsións apuntan a que o servizo poderá estar operativo durante os primeiros días de febreiro, explicou onte Galiñanes. «A nosa intención é que estea operativo en febreiro, pero vai depender das obras», asegurou. O recinto conta cun espazo de 58 metros cadrados, o que supón que alí haberá lugar para que coman á vez 40 nenos. Pero as previsións da asociación de pais pasan por facer dúas quendas, dando para comer primeiro aos máis pequenos. Así se poderá atender toda a demanda. Os pequenos estarán atendidos polos monitores, que contratará a propia empresa de cátering.

A asociación de pais quere organizar dúas quendas para acoller a 80 alumnos