O PXOM ou o último incendio do balneario da Toxa

O único vestixio do patrimonio arquitectónico da illa podería ter os días contados. O novo plan urbanístico prevé que no seu lugar se poidan construír baixo máis catro alturas


ou grove / a voz

O coñecido como balneario da Toxa non é ningún dos tres hoteis que actualmente poboan a illa grovense. O edificio que recibe ese nome correspóndese , en realidade, cun inmoble construído en 1928 polo arquitecto Juan Argenti e que, durante moitos anos, albergou os baños que tan popular fixeron á illa, pois baixo el se sitúa o manancial máis grande da illa. Hoxe en día está abandonado, tapiado con paneis brancos e, crese, en mans dun fondo voitre ou dun importante grupo hostaleiro que llo adquiriu, ninguén o sabe con certeza. O que si se temen moitos é que o inmoble estea a vivir os seus últimos días. E esta vez non precisamente por causa do lume, que xa o arrasou en ocasións anteriores. O que ameaza a pervivencia do último vestixio do patrimonio arquitectónico da illa é o novo plan urbanístico, pois prevé que no seu lugar se poida construír baixo máis catro alturas. «É un edificio rexionalista e me causa unha profunda tristeza que non haxa ningún tipo de protección legal por parte de Patrimonio da Xunta ou por parte do Concello», lamenta o historiador grovense, Francisco Meis.

Non foi leste o primeiro balneario da Toxa, recorda Meis. Unhas casetas en pedra construídas en 1840 foron o primeiro lugar ao que a xente acudiu a tomar os baños. «Foi un modelo que pervivíu durante varias décadas, ata que Luís Mestre Roi, en 1880, coma arrendatario de varios socios, convertese en administrador do balneario», engade. Non está claro si foi Mestre o que construíu o novo edificio ou si simplemente acometeu unha mellora do que había. Empeza entón unha etapa escura, de expropiacións e incendios. Porque o Goberno Civil, suponse que animado polo marqués de Riestra que posteriormente quedará coa propiedade, inicia en 1894 o proceso de expropiación do balneario. Alega, para iso, que as instalacións están en mal estado e que o servizo é insalubre. Ao mesmo tempo, os propietarios do inmoble están divididos e pelexándose nos xulgados por ver quen xestiona a propiedade. E no medio de todas estas disputas, o 11 de novembro de 1899, o balneario arde . Foi un incendio provocado. Fran Meis tivo acceso a un telegrama que o alcalde do Grove, Francisco Moraña, remitiu entón ao Goberno Civil: «Primeiras horas da noite de onte ocorreu incendio balneario Toja quedando reducido a cinzas casa baños moderna e fonda Mestre antiga. Segundo pegadas incendio prodújose intencionadamente. Dou coñecemento Xuíz Instrución».

A incautación

O lume esnaquizou por completo as instalacións, pero o Goberno Civil actúa rapidamente. Promove a incautación do balneario, pois a expropiación se lles antolla entón un proceso demasiado longo «e vai tomar as rendas do barco. Faino porque detrás había un cacique que quería explotar as augas da Toxa como xa facía coas de Mondariz», engade Meis. Refírese ao Marqués de Riestra . De feito, todo o proceso o inicia Augusto González Bicada, que entón era o gobernador civil e, todo hai que dicilo, íntimo amigo do marqués. O Estado ponse á fronte e manda construír un novo balneario no mesmo sitio, que está listo no verán de 1900, cando os bañistas regresan á illa. Ese derrúbase definitivamente no ano 1928, dando lugar ao actual edificio que se sitúa na illa grovense, entre en Louxo e o Gran Hotel, en fronte do terceiro establecemento hostaleiro, o Eurostar Illa da Toxa.

Alarma

Alí permanece abandonado este inmoble desde os anos 80, cando deixou de ter actividade. «Este balneario é o último reduto da historia antiga da illa», sostén Meis. Considera que «a perda dese edificio sería un dano patrimonial contra a historia da nosa vila. E actualmente atópase sen protección algunha, deixando marxe á especulación, pois se pode derrubar por completo e construír un edificio de catro plantas», insiste o historiador meco. Recorda que ao patrimonio da illa xa se lle fixo moito dano. «No ano 2000, cando se constrúe o Isla, destruíuse por completo un pasadizo soterrado que databa de 1908 que conectaba a zona da burga co Gran Hotel. Era abovedado e feito en ladrillo, coma unha gruta. E Patrimonio no dixo nada, nin o Concello tampouco», lamenta, á vez que teme que ese sexa o mesmo futuro que lle espera ao vello balneario. «A perda dese edificio sería borrar por completo a identidade da filosofía dos balnearios do século XX», sostén. O vello balneario está en perigo. Un novo incendio, esta vez figurado, ameaza o seu futuro e todo parece indicar que ninguén o librará das chamas.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
2 votos
Comentarios

O PXOM ou o último incendio do balneario da Toxa