A Mancomunidade do Salnés vive a crise máis grave da súa historia

Bea Costa
bea costa VILAGARCÍA / LA VOZ

O Grove

BEA COSTA

O PSOE non volverá participar nos actos da entidade mentres Durán sexa presidente

14 dic 2018 . Actualizado ás 21:03 h.

O mesmo día que a Mancomunidade do Salnés aprobaba o seu orzamento máis ambicioso (4,3 millóns de euros) consumábase o golpe máis duro á unidade da entidade ao longo dos seus trinta anos de historia. O PSOE, que conta con nove dos vinte e sete membros na xunta xestora, non acudiu ao pleno celebrado o xoves pola noite en Cambados. E non o volverá a facer mentres o vilanovés Gonzalo Durán siga exercendo de presidente en funcións, ou o que é o mesmo, ata que se esgote o mandato. Os socialistas poñen como condición para volver sentarse nos órganos executivos da mancomunidade que o PP o substitúa, pero iso non vai ocorrer, de modo que haberá que agardar ao verán do 2019 -as eleccións municipais son en maio e delas emana a configuración da mancomunidade- para que os representantes socialistas volvan votar no pleno.

Xustifican a súa postura en que Durán é un machista, e remítense ás súas controvertidas declaracións nas que se refería á presidenta da Deputación, Carmela Silva, como «chacha para todo de Caballero». Aos socialistas houbéselles gustado que o vilanovés se desculpase por estas palabras, pero lonxe de facelo, ratificouse nelas, de modo que optaron por levar a termo as súas ameazas, con todas as súas consecuencias. «Quero advertir ao PP que está poñendo en risco a mancomunidade», sinalou o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, quen apelou a Núñez Feijoo para que tome cartas no asunto.

Servizos si, proxectos non

Os socialistas din que unha persoa co talante de Durán non é a idónea para representar aos veciños do Salnés, acúsano de crispar a convivencia política e de ser o principal responsable de que se crebase a unidade de acción que sempre caracterizou á mancomunidade.

En todo caso, que os alcaldes do PSOE non volvan reunirse co presidente, non implica que os seus concellos deixen de recibir os servizos mancomunados dos que xa gozan, caso do abastecemento de auga, o parque de maquinaria, os plans de emprego ou as accións de promoción turística.

A mancomunidade conta cunha operatividade loxística e administrativa que, en opinión dos socialistas, garante o perfecto funcionamento dos servizos. O que ocorra cos proxectos que a partir de agora querer pór en marcha é unha incógnita. «Entra en pausa calquera proxecto e hai un grave perigo para moitas tarefas pendentes», sinalaba o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela.

Xunto a el, compareceron este venres en rolda de prensa os seus homólogos do Grove, A Illa e Cambados, a maiores de dúas concelleiras do Grove e Vilanova. No caso da cambadesa Fátima Abal, non forma parte da mancomunidade porque delegou a representación da alcaldía en Víctor Caamaño (BNG), pero quixo deixar patente que o PSOE cambadés tampouco se sente representado por Durán, e así llo fixo saber ao propio presidente vía correo electrónico. «É o colmo que unha persoa que fai insultos machistas queira converterse en adalid da igualdade», indicou en alusión á controversia creada esta semana pola desconvocatoria da mesa contra a violencia de xénero.

Durán non se pronunciou hoxe sobre esta crise en sinal de duelo pola morte do edil do PP José Luis Novo, pero no pleno do xoves xa expresou a súa decepción por que o PSOE teña decidido quedar á marxe da toma de decisións da mancomunidade. Para ben e para mal, argumenta, as posicións políticas deben defenderse neste foro.

Dúas posturas atopadas e inamovibles sobre o modelo de transporte comarcal

O detonante da crise foi o «chacha para todo», pero, anteriormente, xa xurdira outra fenda importante en relación ao modelo de transporte que se quere implantar na comarca. A decisión de Vilagarcía de explorar a vía dunha área metropolitana levantou bochas nas filas do PP do Salnés, que viron este movemento como unha deslealdade ante o acordo adoptado anteriormente, e por unanimidade, para afrontar estas xestións no seo da mancomunidade e seguindo un modelo de autogestión do servizo.

O asunto suscitou unha agre polémica entre Gonzalo Durán e Alberto Varela fai tres meses e segue planeando no discurso político. Tanto, que o xoves a mancomunidade reiterou a súa aposta polo modelo de transporte comarcal mediante a aprobación dunha moción do PP que rexeita, literalmente, a área metropolitana. O acordo saíu adiante cos votos do PP -coa excepción do da concelleira de Vilagarcía, que votou en contra- e dos independentes de Ribadumia e Meaño. Os independentes de Sanxenxo, o BNG e Somos abstivéronse.

Este venres, os alcaldes do PSOE reiteraron o seu apoio ao modelo que propugna Vilagarcía porque consideran que é o único viable á hora de conseguir un servizo de calidade e operativo e que debe ser a Xunta a través do seu Plan de Transporte, e non os concellos, a que asuma esta competencia. Y Albergo Varela lanzó una advertencia: «Non poden organizar o transporte comarcal sen contar con Vilagarcía, Cambados, O Grove e A Illa, somos máis do 50 % da poboación».