Alerta, xabarís na estrada

Rosa Estévez
r. estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

O Grove

CEDIDA

A circunvalación sur de Vilagarcía rexistrou xa dous accidentes con estes animais

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O martes, ao fío das once da noite, o condutor dun camión en ruta pola circunvalación sur de Vilagarcía tivo un encontrón cun xabaril. Só un par de semanas antes, nesa mesma zona, unha moza de Caldas chocaba contra outro porco bravo que se lanzou a cruzar por esa vía que acurta o camiño a quen se achegan á capital arousá desde Pontevedra. «Menos mal que fun capaz de reaccionar ben e non din un volantazo, porque se non podería ter provocado un problema maior», narraba a nova, asustada aínda pola inesperada aparición do animal.

Tamén en Bamio houbo algún choque con xabarís nas últimas semanas. E ata no Grove estes animais provocaron algún sinistro na zona dos catro carrís da Lanzada.

En todas as comarcas

E esa situación repítese en case todos os municipios da comarca. E do resto de Galicia. De feito, esta comunidade ocupa a segunda posición do país en canto a atropelos de animais salvaxes. Aquí, nesta esquina do noroeste ibérico, rexístranse o 17,6 % de todos os sinistros nos que hai envolvido algún animal salvaxe. Deles, un 74 % están protagonizados por xabarís. Resumindo. Segundo o informe Ponlle Freo Axa, case o 13 % das colisións de vehículos con animais salvaxes en España prodúcense en Galicia e con xabarís.

Tamén é verdade que estamos na época na que resulta máis frecuente que se produzan estes sucesos , que se multiplican nos meses de outono e de inverno. Concéntranse, normalmente, en vías interurbanas e pouco iluminadas.

Precisamente, o último accidente con xabarís rexistrado nos catro carrís da Lanzada foi utilizado polo alcalde do Grove, José Cacabelos, para denunciar a falta de iluminación nesa vía e para reclamar á instalación de luminarias que faciliten a condución e eliminen os riscos.

O «porco bravo» causa dúas de

cada tres sinistros con animais

en Galicia