O home que disparou á súa muller en O Grove entrou no piso coas súas propias chaves

Rosa Estévez
R. Estévez O Grove / LA VOZ

O Grove

MARTINA MISER / CEDIDO / ATLAS

A vítima, Eva A.F., de 47 anos, recupérase despois de que lle fose extraída unha bala que quedara aloxada no pescozo

06 dic 2018 . Actualizado ás 12:47 h.

José A.P.F., o home que onte disparou á súa exparella no Grove, e que logo se pegou dous tiros, utilizou un revolver de calibre 22. «Grazas a que era unha calibre baixo, non houbo consecuencias máis graves», dicía esta mañá a subdelegada do Goberno en Galicia, Maica Larriba. E é que, a pesar de ter recibido dous disparos na cabeza  -uno que lle atravesou o pómulo, outro cuxo proxectil quedou aloxado no pescozo- Eva A.F., a vítima, mellora. Explicaba Maica Larriba que a muller foi intervida cirurxicamente, pero que xa se atopa en fase de recuperación. Sobre o estado do agresor, que tamén volveu en dúas ocasións a súa arma contra a súa cabeza, non puido achegar Larriba ningún dato. Simplemente, que ten «dúas balas aloxadas na cabeza» e que, tamén no seu caso, o pequeno calibre da arma fixo que «non conseguise quitarse a vida». Onte á noite estaba ingresado na unidade de Neurocirugía do Álvaro Cunqueiro, con hemorraxia cerebral.

A subdelegada do Goberno insistiu esta mañá en que sobre o agresor pesaba unha orde de afastamento desde o mes de agosto deste ano. Desde ese mesmo momento, o caso foi seguido polo EMUME (Equipo Muller-Menor da Garda Civil) e por Viogen, o sistema de seguimento e atención ás vítimas de violencia de xénero. Pero, «lamentablemente non podemos estar na cabeza do agresor», que o pasado mércores se desprazou ao Grove desde Ourense para consumar o ataque á súa exparella.

Non tivo dificultades para entrar na casa. A pesar de que Eva anunciara unhas semanas antes a unha amiga que ía cambiar as chaves da vivenda, parece que non chegou a facelo a tempo. E, segundo apunta Larriba, o agresor «tiña a chave do apartamento» no que se produciu un suceso que conmocionou ao Grove. O Concello arousán, a través do CIM, convocou para mañá, ás doce do mediodía, unha concentración en repulsa por este caso de violencia machista.