Cacabelos insiste en que o tráfico do Grove gañou fluidez cos cambios

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso O Grove / LA VOZ

O Grove

MARUXA ALFONSO

O Concello investirá os 450.000 euros do Deporemse na contorna do colexio

01 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os cambios de tráfico que se realizaron no Grove nos últimos meses non só non ocasionaron un caos, como aseguran os grupos da oposición, senón que conseguiron mellorar a fluidez do tráfico na localidade. Esa é, polo menos, a opinión do alcalde, José Cacabelos, quen lembrou que se eliminaron por completo os atascos no cruzamento do garda e na rotonda do Corgo, quedando pendente unha solución para o cruzamento da avenida de Portugal e Xoán XXIII. O rexedor recoñece que aínda hai algunhas melloras que acometer, como buscar unha solución para as rúas estreitas que agora rexistran un maior tránsito de vehículos. Pero insiste en que o seu equipo segue traballando. Proba diso son os 450.000 euros do plan Deporemse, da Deputación, que se investirán na contorna do colexio Rosalía de Castro.

Este proxecto permitirá continuar as obras de Alexandre Bóveda, desde o cruzamento con Rosalía de Castro ata o de Conchases. Construirase, de novo, unha plataforma única con beirarrúas e calzada ao mesmo nivel. As zonas peonís serán máis anchas, pero manterase o dobre sentido de circulación. Iso obrigará a eliminar os aparcadoiros neste tramo do viario. As obras afectarán tamén ao viario do colexio e a un tramo de Conchases, onde se ampliarán as beirarrúas. Tamén se colocarán novos badenes e ampliaranse algúns dos existentes para mellorar a seguridade viaria. O investimento total será de 450.000 euros, dos que o Concello ten que abonar 64.000 euros. Diñeiro que sairá da partida que O Grove se aforrou grazas á subvención do Estado para as obras da primeira fase de Alexandre Bóveda.

Doutra banda, o rexedor non está de acordo coas críticas da oposición de que na localidade haxa un caos circulatorio por mor das peonalizacións e cambios de dirección. «Desde que fixemos peonil Castelao e deixamos Alexandre Bóveda cun único sentido de circulación, eliminamos os atascos do cruzamento do garda», argumenta Cacabelos. Á súa vez, isto conseguiu aliviar tamén os problemas que se rexistraban na rotonda do Corgo. «É certo que aínda hai retencións, sobre todo en hora punta, no cruzamento do cura, pero esas xa as había antes», insiste o alcalde. De feito, engade, os informes da Policía Local establecen que se conseguiu, en xeral, unha maior fluidez no tráfico en todo o centro urbano.

En canto ao en torno do colexio Rosalía de Castro, Cacabelos recoñece que se rexistraron problemas puntuais por unha furgoneta que estaba mal aparcada e que impedía o paso dos autobuses. Pero tamén a ese problema buscóuselle solución. Operarios municipais instalaron xa unha serie de pivotes, que impiden o estacionamento de vehículos xusto no cruzamento. «Ao día seguinte acometéronse os traballos necesarios para que esta situación non se repita», sostén Cacabelos. O rexedor tamén recoñece que hai problemas nas rúas máis estreitas da localidade, pois é certo que han rexistrando un aumento do tráfico. O goberno local está buscando unha solución.