O Grove encara a recta final do seu certame gatronómico

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso O Grove / LA VOZ

O Grove

CEDIDA

O municipio pechará esta tarde as carpas da festa tras dez días de celebracións

14 oct 2018 . Actualizado ás 17:38 h.

Dez días fai que O Grove puxo en marcha a súa Festa do Marisco e hoxe chega o momento de despedir esta nova edición. O final chega tras dúas xornadas de intensa afluencia de público, nos que se superaron as expectativas máis optimistas. E é que moitos pensaban que o mal tempo ía influír negativamente no certame. Por fortuna, as condicións meteorolóxicas non foron tan terribles como se anunciaban e a festa demostrou que está moi por amais de calquera aviso de temporal. A xornada festiva, a do pasado 12 de outubro, foi todo un éxito e mesmo pola noite o recinto estivo cheo ata o último momento. Hoxe, as carpas só abrirán ao mediodía. Despois chegará o momento de descansar, polo menos, ata o ano que vén.

Aínda que o balance final non se poderá realizar ata mañá pola tarde, o certo é que as primeiras impresións apuntan a que esta foi unha edición de marca. As cifras de vendas foron, nos primeiros días, moi similares ás do ano pasado, cando a festa foi considerada todo un éxito tanto pola afluencia de xente como polas viandas consumidas. A mellor xornada, ata agora, foi con diferenza a do pasado 12 de outubro, pois a chegada de visitantes ao recinto foi constante durante todo o día e ás once da noite, cando as caixas pechan, aínda había numerosas mesas ocupadas.

A de onte foi unha sesión máis tranquila, aínda que de novo o recinto tivo que colgar o cartel de completo. Pola mañá, a cociñeira Rocío Garrido Caramés protagonizou a primeira sesión de cociña en vivo. Un programa que, segundo explicou a concelleira de Turismo , Emma Torres, cultivou un gran éxito en todas as sesións, tanto polo número de persoas que asistiu ás mesmas, como polo interese que demostraron nos relatorios. Pola tarde tocoulle a quenda ao xa tradicional concurso de pratos de mexillón que organiza Amegrove. Había 2.600 euros en xogo e, talvez por iso, ao certame presentáronse unha vintena de concursantes. Á hora de elixir ao gañador, o xurado tivo en conta a presentación, a elaboración, o sabor e, por suposto, o protagonismo que o mexillón tiña no prato. A elección non foi tarefa sinxela.

Unha última oportunidade para probar as racións e os petiscos

Ata as catro e media desta tarde estarán abertas as cociñas da Festa do Marisco. Despois, botarán o peche. Así que os interesados teñen unha última oportunidade para facerse cunha das viandas que alí se serven. Aínda que quedan por solicitar os últimos datos, todo parece indicar que, un ano máis, o prato favorito foi o arroz de mariscos, seguido de preto polo polbo. Triunfou tamén o cangrexo real, aínda que non houbo produto suficiente para atender a toda a demanda e moitos quedaron sen probalo.

Pero ademais das tradicionais racións de marisco, a festa do Grove ofrece tamén a posibilidade de degustar petiscos máis elaborados. Estes sérvense na carpa institucional, ao prezo de tres euros. Gyoza de choco na súa tinta, ceviche de mexillón e wok de boi de mar con verduras de tempada son algunhas das elaboracións que tamén se poderán degustar, por última vez, durante esta mañá na carpa institucional da festa.

Os ritmos de Muchachito e o polémico trap de Bad Gyal

Os concertos da noite hanse convertido noutro dos grandes atractivos da Festa do Marisco. O pasado venres, a carpa do Corgo rexistrou un cheo absoluto para escoitar os ritmos de Muchachito e o polémico trap de Bad Gyal. A artista foi a encargada de substitutir a Kaydy Cain, que se caeu do cartel tras as queixas presentadas por asociacións feministas, que consideraban que as súas letras e vídeos eran moi machistas.