O Salnés está a piques de colgar o cartel de completo para agosto

sara meijide / A. G. VILAGARCÍA / LA VOZ

O Grove

MARTINA MISER

Os hoteis superan o 85 % da súa ocupación, pero agardan reservas de última hora

07 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Do 8 ao 14 síntollo moito pero está todo cheo, a ver se máis cara a diante». Así contestan o teléfono desde varios hoteis de Vilanova. Buscar onde hospedarse, a estas alturas do mes, en calquera dos aloxamentos da comarca do Salnés comeza a ser máis difícil que topar esa agulla perdida na palleira.

Chega o mes do verán por excelencia. O mes máis cotizado na oficina para facerse cuns días de descanso. En definitiva, chega agosto e con el as ganas de vacacións e desconexión. O Salnés pinta idóneo para este plan. Barra libre de praias, calidade gastronómica e festas, sobre todo moitas festas. Pero o descanso duns implica o traballo doutros. Iníciase con este mes estival a tempada alta para un dos sectores económicos fundamentais dela zona: a hostalería.

Desde Vilagarcía ata O Grove, nos hoteis freganse as mans porque están a un paso de colgar o cartel de completo. O sector hostaleiro está por amais do 80 % da súa ocupación. Aínda que o mes de xullo foi bo, segundo apuntan desde os establecementos, agosto leva a palma. «Estamos rozando o 80 % da nosa ocupación, mentres que en xullo estivemos algo por encima do 40%. É un feito, o turismo estase a estacionalizar no mes de agosto», explican desde o hotel Pazo O Rial (Vilagarcía). O Grove, un dos destinos máis demandados polos turistas, xa está co 90% dos seus cuartos ocupados, e non por pouco tempo. No hotel Talaso as reservas levan vixentes desde fai xa máis dun mes. O establecemento meco non terá tregua ata a segunda quincena de setembro. En comparación co ano pasado, os niveis de ocupación mantéñense. Con todo, cada vez son máis os que desde os seus hoteis aseguran que «o alugueiro de pisos por portais de Internet, e nótase».

Os prezos por cuarto e pasa a noite mantéñense con respecto ao pasado 2017. Para dúas persoas, hospedarse nos hoteis da comarca do Salnés, costa entre os 60 e os 150 euros por noite.

O alugueiro de pisos vacacionais, unha fronte aberta para o sector hostaleiro

Atopar un apartamento no que aloxarse durante as vacacións de agosto é, practicamente, imposible. Plataformas de reservas online, como Airbnb, xa teñen os seus calendarios de cor vermella. En Vilagarcía, dos 200 pisos dispoñibles na web, é complicado facerse cun ata o mes de setembro, cando a dispoñibilidade aumenta ata o 50 %. Na Illa, máis do mesmo. Non hai libre nin un só piso no portal virtual ata que acaben os meses máis calorosos do ano. Veranear na casa doutro está cada vez máis de moda e, como todo, ten un prexudicado: o sector hostaleiro. O motivo? A diferenza económica. Aínda que os prezos varían en función da localización e calidade do apartamento, o alugueiro adoita ser inferior aos 100 euros por noite.

Uns turistas que viaxan en familia e chegan desde todos os puntos da península

Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), a comarca do Salnés recibe un total de 30.525 visitantes nos meses de verán. Gran parte deste mérito recae sobre os concellos de Sanxenxo e O Grove. Os nosos turistas, segundo indican desde os hoteis, gardan un perfil determinado: familia con nenos pequenos e nacionais. «É un turismo familiar que veñen buscando tranquilidade nos nosos concellos. Estranxeiros hai, pero menos», apuntan desde o hotel Castelao (Vilagarcía). Ademais, os nosos visitantes buscan desprazarse con facilidade entre os concellos limítrofes. Eva, unha zaragozana que se estrea como veraneante no Salnés, explícao: «Onte estivemos en Cambados, agora pasaremos uns días na Illa, pero cruzaremos tamén a Vilagarcía. É que está todo ao lado, para coñecer é moi cómodo».

Este ano tamén se deixaron ver os peregrinos. «O Camiño nótase algo, non imos dicir que unha barbaridade, pero hai peregrinos tamén», sinalan en Vilanova, por onde pasan a diario varios camiñantes a través da variante espiritual.

Poucos días pero moitas visitas

A estancia media nos nosos concellos está nos catro días. Moitos creen que é o feito de coñecer varios lugares da zona o que fai que os nosos turistas pasen pouco tempo nun mesmo lugar, pero varias xornadas percorrendo o resto de municipios. Os máis previsores teñen a reserva feita desde fai xa máis dun mes, pero hainos que agardan ao último momento para asegurarse a súa cama.