O Grove, primeira reserva ornitológica de Galicia e a maior de España

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso O Grove / LA VOZ

O Grove

Seo BirdLife outórgalle esta distinción pola diversidade de ecosistemas que acolle

09 ene 2016 . Actualizado ás 09:24 h.

Pola súa riqueza ecolóxica. Pola diversidade de ecosistemas que acolle no seu territorio. Polo seu patrimonio natural. Estes son os aspectos que Seo Birdlife, a Sociedade Española de Ornitoloxía, tivo en conta para crear no Grove a primeira reserva ornitológica de Galicia. Pero é que, ademais, é a primeira das nove que hai en España no que a extensión se refire e a única que inclúe ao medio mariño. A función deste recoñecemento vai máis aló de promover a preservación deste espazo e das aves que nel aniñan. «É un selo de calidade que permite pór no mapa do turismo especializado ao Grove», explicou Ramón Martín, director de coordinación de Seo . Porque o obxectivo principal desta distinción é promocionar o aproveitamento turístico e o uso público deste espazo.

«Xa éramos conscientes da riqueza do Grove pero hoxe lle estamos a poñer un marchamo de calidade», explicou a concelleira de Turismo, Emma Torres. Na súa opinión, a de onte foi unha gran xornada para o municipio, pois a creación da primeira reserva ornitológica de Galicia na localidade meca converteraa nun destino para os amantes da natureza. «Un espazo con aves é un espazo rico. Os paxaros teñen que ser unha escusa máis para achegarse ao Grove», engadiu Martín. A posta en marcha desta reserva permitirá tamén reforzar o labor de conservación das numerosas especies que aniñan nesta contorna. E, de paso, pór en valor os diferentes ecosistemas que se atopan no municipio, desde as dunas do istmo ata a lagoa litoral de auga doce que se sitúa en Bodeira.

Unha importante zona para a observación de 220 especies

Varios espazos do municipio do Grove, como a zona intermareal, contan xa cunha especial protección por parte de diversos organismos oficiais. Pero a nova reserva ornitológica acolle todo o territorio meco, onde existe unha gran diversidade de ecosistemas que o converten nun espazo altamente atractivo desde o punto de vista natural. Neste municipio pódense observar cada ano ata 13.000 aves de 220 especies diferentes e é a principal zona de hibernación para 28 especies de Galicia e outras 16 do territorio nacional.

A maioría das aves que se poden observar nesta contorna son acuáticas. Por aquí pasan ata dez mil exemplares de limícolas e outros catro mil de patos. Unha das especies máis típicas desta contorna é a espátula, que converte ao Grove na segunda zona máis importante para esta especie, só superada por Doñana. No municipio tamén se poden observar ata sete especies diferentes de gaivotas, corvos mariños e os colimbos, unha especie que cría nos lagos de Islandia e que chega ata O Grove.

Tamén se poden contemplar polo municipio meco especies que están ameazadas, como a pardela balear. Está en perigo crítico de extinción e chega todos os anos desde as Baleares, onde cría. A Escribenta, o corvo mariño moñudo ou a píllara das dunas son outros exemplares en perigo que pasan polo Grove unha vez ao ano.