«Os veciños piden cousas realistas»

Rosa Estévez
R. ESTÉVEZ MEIS / LA VOZ

MEIS

MONICA IRAGO

O goberno de Meis celebra reunións parroquiais para redactar os orzamentos

06 ene 2020 . Actualizado ás 19:17 h.

Atender ás necesidades reais dos seus veciños. Esa é a consigna que se marcou a nova alcaldesa socialista de Meis, Marta Giráldez. E para iso, buscouse o mellor compás posible: os propios veciños. Antes de comezar a redacción do orzamento municipal, a rexedora hase mergullado nunha rolda de visitas polas parroquias para escoitar, de boca de quen nelas habitan, cales son as actuacións prioritarias que debe abordar o Concello en cada lugar. A convocatoria ás reunións realízase mediante bando. «Moita xente vén intrigada, en plan ‘que quererá a alcaldesa’», relata ela. Chegan máis dispostos a escoitar que a falar, pero unha vez que a rexedora lles explica que o encontro é para que sexa a veciñanza o que tome a palabra e exprese as súas prioridades, «ninguén se corta. É fabuloso».

A caravana municipal para recoller suxestións e urxencias veciñais pasou xa por San Vicente e San Tomei, por San Salvador e San Martiño, e por Paradela. E seguirá percorrendo a localidade nos próximos días, enchendo as alforxas do goberno local de propostas que, a xuízo da alcaldesa, «son moi razonables». «Os veciños piden cousas moi realistas. Ninguén reclama grandes proxectos nin grandes obras», sinala. Ao contrario, os veciños piden, sobre todo, «algo tan fundamental como o saneamento». Ou que se limpen as tubaxes e acábese cos problemas de malos cheiros que se rexistran nalgúns puntos do municipio. «Piden asfaltados en viais que se atopan en estado deplorable, ou que se desbrocen algunhas pistas», di Marta Giráldez. A alcaldesa acode a cada reunión acompañada por un técnico municipal que toma nota das peticións veciñais e logo fai unha estimación do investimento que suporían. Eses cálculos serán utilizados na elaboración do orzamento, a fin de ordenar as prioridades e ver ata onde se pode chegar. Está claro que non todas as peticións recollidas nestas visitas vanse a poder incluír nas contas do 2020, pero Giráldez entende que «os veciños tamén comprenden iso, pero hai que dicirlles a verdade e non enganalos». Iso é, ao seu xuízo, o que ocorreu cos residentes en Zacande, aos que o anterior goberno lles prometeu acometer dun único golpe o saneamento de todo aquel lugar. «Pero falamos de 600.000 euros. Non nos chegaría o Plan Concellos de tres anos para acometer esa obra. A nosa intención é facela, pero vai haber que afrontala doutro xeito, e iso é o que lle hai que dicir á xente». E a xente, asegura, enténdeo.

Giráldez está moi satisfeita dos resultados desta rolda de consultas veciñais. «Hai proxectos nos que as veces nos empeñamos os políticos e que a xente non quere, como pasou co da Praza de España. Ou outros proxectos, como o do local social de San Martiño, que se enfocan mal». E é que o plan do anterior goberno municipal para saldar unha vella débeda histórica con ese lugar non convence os veciños porque o sitio elixido, din, non é o adecuado. «Faremos outra reunión con eles para ver cales son as súas ideas», di a alcaldesa.

Informar e escoitar, os dous verbos crave

Giráldez sempre tivo claro, di, que o seu goberno non pode perder o contacto coa realidade. Por iso implantou este sistema de traballo, que lembra ás charlas organizadas, durante o pasado mandato, polo goberno socialista do Grove. José Cacabelos, o alcalde meco, lembra ter feito unha infinidade de reunións para explicar as súas decisións ou solicitar opinións. «É o mellor xeito de gobernar», di