Marta Giráldez pon fin a corenta anos de poder popular en Meis

La Voz

MEIS

MONICA IRAGO

O BNG non entrará no goberno, pero mostra sintonía co PSOE e apoiou  á súa candidata

15 jun 2019 . Actualizado ás 21:00 h.

Nunca ninguén, máis aló das siglas populares, gobernara Meis. Feudo durante décadas da gaivota, da man de Jorge Casal, primeiro, e de José Luis Pérez Estévez, que lle deu o relevou fai vinte anos, a continuación, o municipio arousán protagonizou o 26M un envorco electoral histórico. O seu colofón chegou onte, cunha sesión de investidura que tivo todos os ingredientes dunha festa democrática. O apoio do BNG á socialista Marta Giráldez abre unha nova etapa no pequeno concello.

Xoán Manuel Vázquez non entrará no goberno, que o PSOE sosterá cos seus cinco concelleiros. Pero, como anunciara desde a mesma xornada electoral, o candidato nacionalista apoiou a Giráldez sen fisuras. Non é ningún cheque en branco, pero, polo visto na sesión de onte, tampouco falta sintonía entre a alcaldesa e o único edil do Bloque. No exterior, aplausos, celebracións e automóbiles facendo soar as súas bucinas mentres o grupo socialista saudaba tras a bandeira multicolor.