Bea Heyder busca unha casa con leira no Salnés á que trasladar o seu refuxio de animais

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso MEIS / LA VOZ

MEIS

MARTINA MISER

Se non a atopa, marcharase definitivamente da comarca

15 ene 2019 . Actualizado ás 21:00 h.

Bea Heyder precisa dunha nova vivenda con leira á que trasladar á súa familia e a todos os animais abandonados cos que convive. Esta veciña de Meis, que converteu a súa casa nun refuxio para os animais abandonados, recibiu recentemente a noticia de que o seu caseiro non lle renovará o alugueiro. Así que antes de mediados de marzo terá que buscar unha nova localización. Ela quere permanecer na comarca, polo que roga que se alguén ten un espazo que poida acollela póñase en contacto con ela. Pola contra irase porque xa atopou un sitio en Toledo ao que poder mudarse.

Para Heyder o feito de que o seu caseiro non lle renove o alugueiro ten uns responsables concretos, «os veciños. Foi pola súa presión polo que o propietario non quixo renovarnos o contrato», sostén. Explica que, nos últimos meses, a situación na Medoña, o lugar de Meis onde ela ten a residencia, empeorara e converteuse «en acoso e derriba». Por iso decidiu aceptar a non renovación do alugueiro e empezar a buscar un sitio ao que poder mudarse canto antes. «Necesito unha casiña habitable e con sitio para os animais», explica á vez que pide a todos aqueles que poidan ter unha propiedade destas características no Salnés que se poñan en contacto con ela. Porque a súa intención é a de quedar na comarca. «Eu non podo crer que en toda a provincia de Pontevedra non haxa un sitio destas características», asegura. A outra condición que tería que cumprir é que o alugueiro tivese «un prezo razoable».

Heyder coida actualmente de 33 cans, a maioría deles galgos e podencos que foron abandonados polos seus donos. Tamén ten ao seu cargo a catro cabalos, que foron atopados en condicións lamentables, e unha cabrita. Para todos eles precisa espazo na súa nova vivenda que, gustaríalle, estivese situada na provincia. Pero, se non aparece ningunha propiedade destas características, está disposta a marcharse fose. Xa atopou unha casa con leira en Toledo, onde está disposta a mudarse. Por se isto sucede, lembra a todos os interesados que os animais que con ela conviven están en adopción. «Se me teño que ir, se me saíse algunha adopción pois mellor que mellor», conta. Os interesados poden obter máis información a través do Facebook, onde conta cun espazo no que dá a coñecer o seu labor.