Galiñas que arrasan nos concursos de beleza

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

MEIS

Atlas

Unha parella de Meis cría con esmero aves que, unha vez acicaladas, gañaron ata 17 premios este ano

29 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Vivimos nun mundo no que todo é medible, no que todo se pode puntuar. Ata a beleza dunha galiña. Cóntannolo, desde Meis, Manolo e Pilar Portas, un matrimonio que fai tan só uns anos non podía imaxinarse que acabarían criando aves de raza que arrasarían en concursos e exposicións de toda España. Pero así é. Os animais que esta parella alimenta e coida con esmero conseguiron sete premios na mostra de Vegadeo, unha das máis importantes da península, outros sete en Madrid, e tres máis no Campionato de España.

«A min, dende pequeno, gustábame moito este tema», narra Manolo, mentres acaba de debullar unhas espigas de millo. Os grans, dourados, son o alimento das campioas, que cloquean a gusto a tan só uns metros. «Temos doce razas de galiñas, pero de cada raza hai varias variedades, pola cor», explica Manolo, que é incapaz de calcular cantos animais habitan nun curral sorprendentemente limpo, no que ata os bebedoiros foron pintados de cores.

A historia deste curioso curral, no que conviven animais de distintas procedencias e orixes, comezou cando Manuel decidiu empezar a criar galiñas de Mos. Logo chegaron as piñeiras, outra especie autóctona para a que aínda non hai un canon de beleza establecido. Os criadores de Meis están a axudar a fixar as características ideais deste animal. «Levamos dos nosos exemplares para axudar a sacar o estándar», explica Manuel, que non cre que se tarde xa moito tempo en completar o procedemento.

Cóntanolo mentres paseamos polo curral, rodeados dunha sucesión de galiñas sorprendentes. Ao noso ao redor paséanse, tan tranquilos, os exemplares de orpington que conseguiron un primeiro e un segundo premio no Campionato de España, e a araucana que se fixo cunha prata nese mesmo certame. «A verdade é que conseguimos moitísimos premios. Repetir un ano así é impensable, dificilísimo», asegura Pilar , que quere manterse nun discreto segundo plano porque as galiñas e a cría, di, son cousas do seu marido. Aínda que ela tamén ten moito que ver nos bos resultados conseguidos: non só coida a diario destes animais, senón que cando chega a hora das competicións acicálaos. Báñaos cun champú de PH neutro, os seca, límpalles as uñas cun cepillo, llas lima, aplícalles aceite nas cristas para que reluzan... «Se teño axuda, boto media hora preparando a cada unha». Aínda que non hai tratamento estético, asegura, capaz de corrixir ou disimular cando un animal non está en perfecta forma. Por iso, o principal é que as galiñas teñan unha boa vida, bos alimentos, aire libre.

E aquí, neste recuncho de Meis, teñen de todo iso. Precisamente por esa razón todas as razas que se crían neste lugar dan excelentes exemplares. Como as chinesas, que ten unha plumaxe branca que parece pelo. «Son moi bonitas. Ten vido xente de Vigo a buscalas para telas como mascotas», conta Pilar . Ou as inglesas, ou as araucanas de ovos azuis, ou as americanas bautizadas no seu día como unha tribo india, a dos wyandotte... Son todas razas moi diferentes, e cada unha ten o seu canon de beleza particular. Importa a plumaxe, a forma das ás e da crista, dos dedos das patas... «Cada raza ten o seu estándar, e canto máis se aproxime o animal a ese estándar, mellor».

Manolo e Pilar aseguran que en Galicia hai moitos afeccionados á cría de aves e de todo tipo de animais. Con todo, estamos a anos luz doutras comunidades nas que esa paixón está organizada. Para mostra Asturias, onde se celebra a exposición de Vegadeo, con máis de 2.000 galiñas. Ou as 30.000 que participaron no campionato de España. Neses foros, di Pilar , ela e o seu marido fixeron grandes amigos. Volven de cada viaxe coa satisfacción de que o seu traballo teña sido recompensado con premios. Pero de facer diñeiro, esquézanse. «Hai xente que pensa que con isto nos facemos ricos. Para nada, todo o contrario, isto custa cartos», confesa Manolo. Cando colle un exemplar de paduana en brazos, a galiña protesta. O seu cloqueo enfadado contáxiase enseguida a todo o curral. O barullo sobe por momentos. A final de contas, isto é un galiñeiro; o galiñeiro co que soñan todas as pitas.