O «furancho ilustrado» de Meaño

SABE BEN

MONICA IRAGO

Eduardo e Iraia coñecéronse en Mugaritz, onde el era catador. A pandemia tróuxoos a Galicia e animounos a reactivar o negocio familiar, un loureiro no Salnés agora reconvertido en taberna e, ao mesmo tempo, un dos templos do viño da comunidade. Lagüiña Lieux-dit bautizárono

26 ago 2021 . Actualizado ás 15:17 h.

Non é doado de lembrar. Pero tampouco de esquecer. Sobre todo cando se estivo alí. Lagüiña, explica Eduardo Camiña, é a toponimia do enclave: un outeiro nos arredores de Meaño na que no seu día houbo dúas pequenas lagoas. E lieux-dit podería traducirse como «lugar de». Unha expresión utilizada nas rexións vinícolas francesas para referirse aos viñedos asociados a leiras ou a casas.

Pero, en conxunto, Lagüiña Lieux-dit é todo iso e máis. É un ilusionante proxecto que devolveu ao seu territorio natal a Eduardo Camiña, de 29 anos, quen exercera durante os últimos cinco como catador no dúas estrelas Mugaritz. Antes, o fora tamén, durante dúas tempadas, en Culler de Pau, tras formarse na escola de hostalería Carlos Oroza e haberse bregado nos seus inicios en Pepe Solla e Pepe Vieira.

Con Eduardo chegou a súa parella, Iraia Mendizábal, a quen coñeceu precisamente en Mugaritz. «Xusto a semana na que nos confinaron eu ía empezar a traballar en Arzak», conta Iraia. Os plans truncáronse e xurdiu entón a posibilidade de facerse cargo do negocio que rexentaba a nai de Eduardo: un furancho que pasara a ser bar e casa de comidas. «Decidimos virnos e probar», contan. Abriron en xuño do 2019 e a proba funcionou tan ben que se quedaron definitivamente.

Evidentemente, hoxe Lagüiña Lieux-dit non é nin un furancho nin unha casa de comidas. Aínda que dalgún xeito conserva parte da esencia de ambos. Que é, entón?, pregúntolles. «A miña nai di que é un furancho ilustrado. Para min é unha taberna tradicional vinculada ao viño», responde Camiña.

Un concepto que o catador galego botaba en falta na súa terra natal. «En Borgoña ou en Bordeus é moi común que onde hai viñedos haxa tamén locais nos que gozar dos viños da zona. En Meaño , sendo unha das zonas de produción máis importantes de Rías Baixas, non había ningún sitio especificamente dedicado ao viño».

Cociña de proximidade

O primeiro que chamará a atención de quen se achegue ata Lagüiña Lieux-dit é a «colección de botellas» que decora o interior do local. Unha das paixóns de Eduardo e Iraia era comprar e gardar viños de todo o mundo, anadas antigas e viños de parcelas, aos que agora están a dar saída desde o seu establecemento.

A carta de viños renóvase cada semana (van pola 44) e conta coa singularidade de que os viños se ofrecen tamén por copa. A semana pasada, por exemplo, abriron unha botella de Xerez de 1925. «O que queremos é democratizar este tipo de viños, ofrecer á xente a posibilidade de probalos a un prezo alcanzable», explican. De feito, o normal é que, no canto de pedir unha botella, os clientes aproveiten e pidan tres ou catro viños diferentes.

«Probar viños é como viaxar», apunta Eduardo Camiña. E por iso, aínda que os viños galegos, sempre exquisita e exclusivamente seleccionados, son a columna vertebral da oferta de Lagüiña Lieux-dit, á súa carta semanal adoitan asomar viños franceses, alemáns, de Australia ou dos Estados Unidos.

Pero diciamos que o local non perdeu a súa esencia de casa de comidas. Non en balde a nai de Eduardo segue estando a cargo de estes fogóns dos que nace unha cociña sinxela na que o que prima é o produto de proximidade. Sen demasiados artificios nin aderezos, pero con esa intensidade e eses sabores de verdade que só proporcionan a auténtica mestría.