Aquí si que haberá orquestras

MEAÑO

marcos creo

Que soe a música. Mostrámosche as datas dalgunhas das actuacións que están confirmadas para este verán. Non serán verbenas ao uso, pero aínda que sexa sentados ou en parcelas, calquera cousa vale só por velas de novo no escenario

13 jul 2021 . Actualizado ás 15:41 h.

Que é un verán sen orquestra? Pois igual de triste que un aniversario que non é feliz e escuro como unha noite sen estrelas. Porque elas son a banda sonora por excelencia de xullo e agosto e acompañounos desde que temos recordos, aínda que a pandemia nos deixase xordos desde hai dous anos. Por iso, para os melancólicos, morriñentos, amantes da bachata, o reguetón latino e as ganas de mover algo o esqueleto temos algunhas tímidas, pero boas noticias. Xa hai citas confirmadas, a condición de que as condicións sanitarias o permitan, e suxeitas, está claro, á evolución da pandemia e a un protocolo estrito. O que si está claro é que non serán as verbenas ás que estabamos acostumados, pero mentres poidamos REVISAR mover un pouco a cadeira, aínda que sexa sentados nunha cadeira, benvidas sexan.

Unha das grandes citas do verán terá lugar en Marín . Alí o 16 de xullo, día do Carmen, ás 22.30 horas actuará a París de Noia. Farao no mesmo lugar onde se realizou a proba piloto o pasado 19 de xuño, no aparcadoiro da Praza de España. E o protocolo será moi similar. Cunha zona acoutada, entrada gratuíta con reservas e capacidade de 1.200 persoas como máximo. O público dividirase por parcelas en grupos reducidos e terá que levar posta a máscara, así como deixar os seus datos persoais. Sin duda, é unha aposta firme polo sector que o está pasando realmente mal: «Farase coas medidas de seguridade pertinentes e adoptaranse os protocolos sanitarios vixentes nese momento», indican desde o Goberno local.

COMBO DOMINICANO

As grandes orquestras que moven a moitísima xente téñeno máis difícil este ano que outras bandas máis modestas e con menos fans. É por iso, que Panorama xa decidiu que este verán tampouco saen, así o confirmou Lito Garrido a La Voz hai uns días. E o Combo Dominicano fará un formato reducido da banda co fin de facer un espectáculo máis modesto e con menos público. As citas comprometidas que ten para este mes son de tipo concerto e en eventos privados, como o que levou a cabo o pasado 2 de xullo na inauguración dun restaurante en Meaño ou na cala Raeiros en San Vicente do Grove, ao día seguinte e con entrada. Tamén actuou onte na discoteca Zouk, en Lugo. A próxima cita desta versión reducida do Combo terá lugar o 21 de xullo en Cangas de Narcea, Asturias. A partir de aí, están á espera de que a situación epidemiolóxica mellore e de que tanto as comisións de festas como os concellos se animen a celebrar este tipo de eventos: «Para que se reúna toda a banda, necesitamos ter polo menos 3 ou 4 datas xuntas seguidas. Nós, por agora, imos paso a paso», explica Cirano Núñez, pianista e director musical do Combo, que aclara que este pequeno formato inclúe aos cantantes que cantarán en directo, os bailaríns e un DJ. O indispensable para que poidas gozar co repertorio desta orquestra que triunfa con temas propios e que se basea no merengue, a cumbia, a bachata e o reguetón latino: «É o que a xente demanda e é o que lles gusta de nós».

Os cantantes da orquestra Olympus xuntouse cos de Finisterre no espectáculo Xuntos non Camiño. Un formato reducido que se adapta tanto a realizar concertos como verbenas do estilo ás probas piloto que se realizaron en xuño en distintos puntos de Galicia: «Temos contratacións no aire. Algunhas xa están pechadas, pero aínda así ás veces anúlanse», explica José Ferreiro que considera que debería haber unha maior implicación e axuda dalgúns concellos coas comisións de festas que si se animan a celebrar este tipo de eventos.

AMÉRICA

Outra das bandas que ten bastante tirón é América de Vigo. O seu fundador, Miguel Díaz, é prudente á hora de dar todas as datas que ten pechadas para evitar actuar como reclamo e que a xente se desprace a eses lugares. O que si pode confirmar, porque xa o anunciaron os concellos pertinentes, é que o 14 de xullo estarán en Praia América, en Nigrán e o 31 en Mugardos. No medio teñen seis concertos máis pendentes, que se irán confirmando a medida que pasen os días. O formato que se realizará en todos os casos é un concerto de 45 minutos no que se fai un tributo a míticas bandas e cantantes como Queen e Bon Jovi, entre outros.

Os Satélites é outra das orquestras que contempla algunhas actuacións durante este mes. Precisamente hoxe, 10 de xullo, ten previsto actuar en Mugardos , nun concerto con todas as medidas covid e no que o público estará sentado. Contará coa presenza de Sito Sedes, o cantante emblemático dos Satélites. O 17 de xullo actuarán en Cangas de Foz (Foz), e tamén o público estará sentado. E ao día seguinte nas Pontes, nun evento contratado pola Deputación da Coruña, no que o público estará sentado e que contará tamén coa presenza de Sito Sedes. O 19, en Oural (Sarria). Nesta ocasión o formato será o da proba piloto organizada pola Xunta e o día 21 estarán en Callobre (A Estrada), tamén en formato proba piloto. O mes de xullo pecharano cunha actuación en Celas de Peiro (Culleredo), tamén organizado pola Deputación da Coruña, e en formato proba piloto, e o 24 de xullo están pendentes de que se confirme a súa actuación noutro municipio da área metropolitana da Coruña e que dependerá un pouco da evolución da situación epidemiolóxica.

O que está claro é que non importa como se fagan as verbenas este verán porque todo o mundo ten ganas de orquestra. Se hai que facelo de pé, en parcelas delimitadas, ou sentados. Se se pode bailar ou hai que conformarse con mover a cadeira no asento. Se hai que sacar entrada anticipada e non relaxarse coa máscara... Calquera cousa vale, pero, ¡por Deus!, que soe a música.