Dezasete denunciados en Poio que celebraban un aniversario nun merendeiro

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

MEAÑO

POLICIA LOCAL DE POIO

A Policía Local, ademais, disolveu unha timba nunha casa de Combarro

30 novs 2020 . Actualizado ás 16:45 h.

Ao longo da última fin de semana, a Policía Local de Poio tramitou preto de medio centenar de denuncias por incumprimentos das restricións establecidas pola Xunta para frear a transmisión do coronavirus. A maioría, trinta, foron por incumprimentos do peche perimetral e a celebración de reunións de non convivientes, mentres que as quince restantes están relacionadas co non emprego de máscaras.

Unha das intervencións que máis chamou a atención dos axentes tivo lugar á primeira hora do pasado sábado cando unha patrulla se desprazou ata un merendeiro da Escusa comprobando que se estaba a celebrar un aniversario, non que estaban a participar tanto menores como adultos». Tramitáronse dezasete denuncias por incumprir a medida que impide os encontros e reunións de non convivientes.

Ademais, os axentes comprobaron que algún dos asistentes procedían doutros municipios, caso de Meaño, polo que tamén se saltaron o peche perimetral.

Timba en Combarro

Non foi esta a única intervención de similares características que tivo que realizar a Policía Local de Poio. Así, axentes municipais tiveron que «disolver unha xuntanza que se celebrou no interior dunha vivenda particular na parroquia de Combarro», na que sete persoas atopábanse xogando ás cartas, fumando, sen facer uso de máscaras e sen respectar as distancias decretadas polas autoridades sanitarias.

A isto sumouse que tres dos participantes teñen o seu domicilio no Bardo de Valdeorras e que se desprazaron sen xustificación en autocaravana.