Os callos volven por San Mauro

MEAÑO

MARTINA MISER

Na terra de Valle-Inclán a degustación será hoxe e, en Meaño, trasládana ao sábado

15 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Vilanova vaise hoxe de festa. A golpe de 15 de xaneiro, non se traballa nin hai colexio. É festivo local e o que toca é comerse unha boa ración de callos. É o que indica a tradición. En moitas casas porán a pota ao lume cos garavanzos, a pata de porco e o chourizo para que a receita non falte na mesa. Tamén cociñarán callos en moitos bares da localidade, onde hoxe este prato se converte no rei das tapas e do menú. E nada máis saír da igrexa, poderase alimentar o corpo grazas á degustación que se organiza cada ano, baixo carpa, diante do templo parroquial.

Actos relixiosos

Ademais da gastronomía, o San Mauro ou San Amaro ten outros alicientes. En Vilanova, os devotos terán hoxe ocasión de asistir a misa e depositar as súas ofrendas desde primeira hora da mañá. Haberá liturxias ás 8, 9, 10, 11, 12.15, 17, 18 e 19.30 horas; despois da misa solemne do mediodía celebrarase a procesión e durante a mañá realizaranse ata tres poxas de galos.

Tampouco faltará a música, a partir das 20.30 horas coa actuación do conxunto Arousa Bay.

Outro dos puntos onde festexan a San Amaro é na parroquia de Meaño. Alí tamén haberá hoxe actos relixiosos e deixan para o sábado a misa solemne (13 horas) e a degustación dos callos, xa pola noite.